Mariano Rajoy inaugurará este venres a ampliación do Museo de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Mariano Rajoy atopou un oco por fin na súa axenda para inaugurar o sexto edificio do Museo de Pontevedra. Será mañá venres 4 de xaneiro. Así o confirman a PontevedraViva fontes da Moncloa, que aseguran que o presidente do Goberno aproveitará un acto previsto en Santiago de Compostela para "cortar a cinta" da ampliación do museo provincial.
En concreto, presidirá, ás 12:30 horas, o acto de entrega da Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica ao expresidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor. Pero antes, ás 10:00 horas, estará en Pontevedra para inaugurar o sexto edificio do Museo e as obras de rehabilitación do Arquivo Provincial, un acto oficial que se foi atrasando no tempo para poder contar con Mariano Rajoy.
Polo momento, descoñécense os detalles deste acto de inauguración. Pero segundo puido saber PontevedraViva, a Deputación de Pontevedra está apurando todos os preparativos para o evento. Aseguran que "os discursos xa están preparados" e tan só estaban á espera de recibir a confirmación oficial desta visita institucional.
O propio presidente da Deputación, Rafael Louzán, aseguraba hai agora dúas semanas que a apertura do sexto edificio do Museo faríase de forma inminente. "ÿ a única cuestión que nos queda para unha inauguración que será en cuestión de días ou semanas", dixo. Pero a presenza do presidente do Goberno durante estes días en Sanxenxo aumentaba as posibilidades de incluír esa cita nos plans de Rajoy.
A Deputación insistía en contar con Rajoy para esta inauguración ao entender que foi, o agora presidente do Goberno, quen posibilitou na súa etapa como ministro de Educación e Cultura, un convenio entre o Ministerio e a institución provincial, que permitiu financiar as obras de ampliación do Museo, así como as da súa musealización, urbanización da contorna e recuperación da vella muralla de Pontevedra.
Será a primeira vez que Mariano Rajoy, polo menos de forma oficial, acuda ao novo Museo de Pontevedra. A súa anterior visita data do 11 de agosto de 2009, sendo aínda o líder da oposición. Acudiu ao museo provincial para visitar unha exposición sobre a guerra da independencia e comprobar o avance das obras do Edificio Sarmiento.