Xerencia e traballadores manteñen abertas as súas discrepancias polo peche de camas hospitalarias en verán
Por Oskar Viéitez
Tras a reunión mantida este mércores día 10 coa Xerencia dos hospitais de Pontevedra e O Salnés polo peche de camas durante o período estival, a Xunta de Persoal e a Xerencia desta área sanitaria emitiu senllos comunicados no que se ratifican nas súas discrepancias.
Por unha parte os traballadores informan que non aceptan as explicacións dadas, "os motivos non nos convencen, non é verdade que haxa menos patoloxías que necesiten ingreso, non é verdade que haxa menos patoloxías cirúrxicas e resulta curioso que as camas que se manteñen pechadas por máis tempo (5 meses), son non cirúrxicas, exemplo: oncoloxía e lactantes".
Dende a Xunta de Persoal indicaron que "se confirma" que despois do verán haberá un "incremento de todas as listas de espera", polo que advertiron do "grave prexuízo" que se pode causar aos usuarios da Sanidade Pública.
No seu escrito os membros da Xunta de Persoal atribúen o "drástico" peche de camas "só por criterios economicistas" o que, ao seu xuízo, "contrasta coa dilapidación que supón, o mantemento do convenio coa Clínica Privada desta cidade".
Ademais recordan que o peche de camas tamén significa "diminuír considerablemente a contratación do persoal, o que leva consigo a unha precariedade laboral moi importante, sen importar o que esta medida afecta ao traballador".
Por todo iso, conclúen no seu comunicado que a Xunta de Persoal "seguirá coas súas protestas, tanto polo peche de camas coma por todo o que represente un ataque á Sanidade Pública".
RESPOSTA DO SERGAS
Dende a Xerencia da Área de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, emitiron outro comunicado no que sinalan que a reordenación estival se establece "sempre, en todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde, garantindo a seguridade dos pacientes e a calidade asistencial".
Ademais indican que os hospitais de Pontevedra e O Salnés van a ter este verán "un dos índices de camas operativas máis altos de Galicia, cun 86,24% " e que as camas non operativas poden activarse "de xeito inmediato", para dar resposta a calquera situación de aumento da demanda asistencial
Finalmente explican dende o Sergas que a reordenación estival está motivada polos menores índices de ocupación hospitalaria durante os meses do verán, e para corroboralo acoden aos datos do final de cada etapa estival (no verán de 2014, no CHOP houbo unha media diaria de 141 camas libres, sobre o número de camas operativas).
"Debido á diminución da demanda asistencial, a reordenación estival tamén permite xestionar de forma eficiente as vacacións regulamentarias dos profesionais e é unha época na que se aproveita para facer obras de mantemento e mellora nos centros sanitarios", conclúe o escrito da Xerencia.
Relacionadas:
-
José Manuel González nega que se pechen servizos nos hospitais de Pontevedra durante o verán
Por Redacción |
-
Os sindicatos concéntranse contra o peche de 98 camas durante o verán nos hospitais públicos da área sanitaria
Por Redacción |
-
Os hospitais de Pontevedra e O Salnés pecharán o 13,7% das camas este verán
Por Redacción |