O "Rías Baixas Style" causa furor na rede
Por Alejandro Espiño
Ten apenas 15 anos. Estuda 4º da ESO no Instituto Monte da Vila de O Grove. E converteuse nun novo fenómeno viral en Internet. Chámase Dani Cornes e a súa versión da popular canción Gangsta Style, do rapeiro Psy, causa furor na rede. En menos dunha semana o seu Rías Baixas Style, gravado íntegramente en O Grove, supera os 200.000 visionados en YouTube.
O éxito deste video pillouno de vacacións en Inglaterra. "Estou sorprendido e un pouco abrumado", recoñece este mozo, coñecido en O Grove pola súa afección ao baloncesto e as súas dotes musicais. Asegura que non esperaba que o seu video se convertese en tal fenómeno social. "A idea foi da miña profesora de plástica, Josebe. Ela ten experiencia no mundo do vídeo, e aceptei cando mo ofreceu", explica a PontevedraViva. Un proxecto audiovisual que xurdiu cando, nunha das súas clases, un compañeiro puxo a canción.
E non o pensou. Ideou el mesmo a letra para a versión pontevedresa desta coñecida canción. Unha peza chea de continuas referencias ás Rías Baixas, pero sobre a O Grove, o seu pobo natal. "O vídeo gravámolo íntegramente en O Grove e intentamos incluír todos os escenarios posibles", explica Dani, quen recorda os bos momentos que pasaron na lonxa, no porto ou nalgunhas das praias do municipio.
El é o protagonista do Rías Baixas Style, pero trátase dun proxecto colectivo. Máis de 20 persoas, todas elas vinculadas ao Instituto Monte da Vila, involucráronse na gravación. "Non che podería dicir un número exacto de persoas, porque a medida que o proxecto avanzaba, máis xente sumábase". Como apunta Dani, na escena final do vídeo vese á maioría deles, pero non menos importante foi o traballo tralas cámaras, onde xogaron un papel crucial Ángeles, a profesora de música do centro, ou Rodri, o curmán de Dani, o técnico de son do video.
Iso si, malia o que poida parecer, a gravación non foi fácil. "Traballábamos en contra do tempo, tiñamos que gravar nun horario breve, ás veces menos dunha hora", recorda Dani. "Para aforrar tempo algunhas escenas (o ascensor ou o baño, por exemplo) graváronse pola tarde no instituto. Tiñamos que terminalo antes do 22 de decembro xa que acabábamos as clases. Ao final quedou perfecto, pero tamén nolo curramos moito".
E a todo iso, hai que sumar as datas de grabación, en pleno mes de decembro. "Había que gravar con choiva ás veces e moi a miúdo faltaba xente. Recordo que un día quedáramos unhas 20 persoas ou máis e por culpa da choiva, só foron seis ou sete". Pero estes avatares íase superando grazas á colaboración desinteresada da xente. "Contamos con espontáneos, como o pescador ou o home que se nos uniu a bailar na lonxa, a xente súmase a estas cousas se hai bo rollo e nós tiñámolo".
Un bo rollo que transmite un vídeo que arrasa na Internet. Dani aínda non se o explica. "A verdade é que ninguén pensou que iamos chegar a donde estamos agora. De feito recordo que a profesora de plástica dicía con moitísimo entusiasmo que se podía chegar a 2.000 ou 3.000 reproducións... e xa imos polas 200.000". Insiste en que foi algo "totalmente inesperado" e aínda a día de hoxe "séguenme mandando mensaxes de felicitación polas redes sociais".