O cartel da Feira da Peregrina elixirase, por vez primeira, a través dun concurso
Por Redacción
A Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra convocou un concurso de carteis mediante o cal se elixirá o deseño que ilustrará a próxima Feira da Peregrina, que terá lugar a principios do próximo mes de agosto.
Cada participante poderá presentar unha única obra, que debe ser orixinal e inédita. O formato do cartel será dun metro de alto por setenta centímetros de ancho e deberá incluír, obrigatoriamente, Feira Taurina da Peregrina 2015 e Praza de Touros de Pontevedra. O prazo de admisión dos traballos rematará o 15 de xuño.
As propostas, que deberán ir montados sobre un soporte ríxido para a súa valoración polo xurado e a súa posible exposición posterior, presentaranse convenientemente embalados na Copistería MAXCOPY (rúa Marquesa, 6), Ferraxaría Echegaray (rúa Echegaray, 36) ou Cafetaría Maxisterio (rúa Salustiano Portela Pazos, 3). Presentaranse sen firma do autor e baixo un lema, que ha de ir escrito na parte traseira do cartel.
A autoría do cartel non poderá facerse pública en ningún momento do proceso do concurso. Xunto a este deberá entregarse un sobre pechado en cuxo exterior figurará o lema do cartel e no seu interior deberán constar os datos persoais do artista e unha declaración asinada na que indique que a obra presentada é orixinal e inédita.
O gañador será elixido por un xurado composto por membros da Coordinadora de Peñas, os empresarios da Praza e representantes de medios de comunicación. O premio para el serán 500 euros.
As bases do concurso pódense consultar na web pontevedrataurina.org.
OUTRAS ACTIVIDADES
Ademais, a Coordinadora de Peñas Taurinas está a organizar para as once da mañá do próximo 21 de xuño un tentadero-becerrada, na que participará un toureiro de primeira liña. Non será o único evento, xa que o 11 de xullo ás oito da tarde terá lugar unha novillada sen picadores coa participación de tres novas promesas do toureo nacional. Será gratuíto para subscritores e peñas da Coordinadora.