A Deputación abandona o gasoil e aposta pola biomasa
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra iniciará no Centro Príncipe Felipe o cambio de todas as calderas de calefacción dos seus distintos edificios, abandonando o vello sistema de gasoil por un novo sistema que emprega a biomasa.
Ponse así en marcha o acordo asinado en decembro do pasado ano co anterior conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra co que pretenden reducir un 15 por cento o consumo de enerxía primaria na Cidade Infantil Príncipe Felipe.
Segundo explicou en roda de prensa o presidente do ente provincial, Rafael Louzán, o convenio pretende ''fomentar o aforro enerxético'' mediante a implantación de medidas que supoñan ''melloras'' nas instalacións térmicas, eléctricas e de auga quente sanitaria.
Ademais búscase adaptar á normativa vigente as instalacións actuais, que teñen máis de 20 anos de antigüidade.
O ambicioso plan que aprobou a xunta de goberno da Deputación contempla outras medidas entre as que destacan melloras en equipos de iluminación interior, na xestión e na eficiencia enerxética ou na envolvente térmica dos edificios.