Nova cara para a rúa Santa Clara e a praza de José Martí
Por Redacción
Pagou a pena. Os veciños e comerciantes de Santa Clara están moi satisfeitos co resultado final dunhas obras, que cambiaron a cara do eixe urbano dun dos principais barrios da cidade.
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, chegou recoñecer que lle obsesionaba rematar esta obra, que atopou dificultades durante a súa execución, primeiro por mor da negativa de Patrimonio á reordenación do adro da igrexa de Santa Clara, e logo, pola aparición dos restos arqueolóxicos do Camiño Vello de Castela, no tramo final da rúa. Foi unha obra arriscada, pero, á luz dos resultados, pagou a pena.
Hai unhas semanas os coches volvían circular pola totalidade da rúa e esta mesma semana, xa sen anuncios oficiais nin visitas institucionais, a obra quedou totalmente rematada cos últimos retoques á praza de José Martí e a instalación dun parque infantil na calella interior apegada ao muro de Santa Clara.
A Concellería de Urbanismo rematou as obras de humanización ofrecendo máis espazo aos peóns e mantendo a circulación rodada
Durante este tempo, Antón Louro destacou unha e outra vez a gran calidade dun proxecto baseado no deseño dun espazo de convivencia entre peóns e coches. Pasear hoxe por Santa Clara fai difícil imaxinar o pésimo estado que hai apenas algúns meses tiñan estas beirarrúas, moi deterioradas e con puntos tan estreitos que dous peóns non se daban cruzado.
A humanización actuou tamén onde non se ve: nas instalacións do subsolo. En Santa Clara eran habituais as filtracións e inundacións de sotos e garaxes. A rúa tiña unha rede totalmente obsoleta, consistente en estreitos tubos de gres para o saneamento e, nin sequera había rede de recollida das augas pluviais. Todo iso quedou solucionado e arranxado cara o futuro.
O resultado estético da rúa é agradecido. Agás o adro da igrexa conventual (que Patrimonio, órgano dependente da Xunta de Galicia, rexeitou reformar) toda a obra supón un evidente antes e despois. Os peóns dispoñen de espazos fluídos para circular ou conversar e, os coches, seguen a manter o mesmo carril de circulación. O deseño ao mesmo nivel en boa parte do trazado, complementouse coa instalación de bolardos de protección.
Santa Clara era unha vella reivindicación veciñal. En moitas ocasións os veciños téñense manifestado denunciando o abandono desta zona. Non foi ata agora que dende o Concello atenderon as reivindicacións. Antón Louro subliñou sempre que foi a obra máis complicada de cantas lle tocou impulsar. A primeira dificultade xurdiu da obriga de executar a reforma en tres fases de obra, para facer compatible a circulación rodada aos garaxes e ao aparcamento rotatorio do hipermercado. Así, nun primeiro momento abordouse o tramo entre o cruce do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e Álvaro Cunqueiro. A continuación tocou ata a porta do aparcamento soterrado. E, finalmente, abordouse a conexión con Cobián Roffignac e a praza de José Martí.
Louro define a nova praza como un espazo aberto e accesible e dominado por fermosos muros de pedra rústica
Foi neste último tramo, onde os arqueólogos destaparon o vello camiño polo que os arrieiros, transportaban o viño do Ribeiro ata o porto medieval das Corbaceiras. Tamén alí se identificaron unhas estruturas que se corresponden coa porta da Rochaforte (que daba acceso ao Centro Histórico) e, mesmo outras, que poderían dar unha pista sobre a situación da desaparecida fonte de Santa Clara, situada a carón da porta, nos debuxos conxeturais de García de la Riega. Valiosas achegas á historia da cidade, situadas a metro e medio baixo o actual pavimento.
A Concellería de Urbanismo viuse obrigada, en cumprimento da Lei de Patrimonio, a contratar un proxecto de escavación arqueolóxica que se desenvolveu en apenas tres semanas antes de continuar a obra. Durante ese tempo, os pontevedreses tivemos tempo de aprender da nosa historia e ollar cara vellas pedras sepultadas hai xa varios centos de anos.
As obras da rúa de Santa Clara supuxeron un forte investimento municipal, pois o orzamento inicial, de 676.199,22 euros, foi incrementado cun proxecto complementario de 55.456,61 euros para executar as escavacións arqueolóxicas.
PRAZA DE JOSÉ MARTÍ E PARQUE INFANTIL
A praza de José Martí converteuse nos últimos anos en escenario dun concerto da Banda de Música polo día de San Bartolomé. Semella que este ano, o concerto será máis lucido que nunca. O aspecto da nova praza invita moito máis que antes a acoller esporádicos encontros culturais e/ou veciñais.
O novo espazo está marcado pola presenza de dous muros perpendiculares, executados en pedra do país (idénticos ao que pecha a pasarela peonil de José Adrio), para salvar as diferencias de nivel no encontro coa rúa de Cobián Roffignac. Nestes muros colocarase, nos próximos días, en posición destacada o busto de José Martí doado polos veciños á cidade hai algúns anos.
Antón Louro recalca que a carón do muro principal, sobre unha escalinata, quedou configurado un espazo superior que pode exercer como escenario natural para pequenas representacións culturais. Ademais, a propia praza é máis diáfana e espaciosa.
Os veciños e comerciantes acollen con satisfacción o resultado dunha obra que lle cambiou a cara a un importante barrio da cidade
O acceso pode facerse por estas escalinatas, por unha cómoda rampla coroada por unha varanda de vidro ou polo outro extremo, onde desapareceu o escalón que a separaba da calella do muro do convento.
Precisamente alí fíxose unha actuación moi agradecida polos veciños. Elimináronse as acacias, que convertían este rincón nun espazo sombrío onde proliferaba a marxinalidade.
Un parque infantil domina agora todo o espazo. Está dotado de funcionais xogos, unha senda de acceso e pavimento de caucho. Un reclamo para as familias nesta zona da cidade, pois o parque máis próximo está en Barcelos.
Relacionadas:
-
Tino Fernández saca peito coa xestión socialista no Concello
Por Redacción |
-
Louro: "Por fin, felizmente a rúa Santa Clara restableceu o tráfico rodado, era algo que nos obsesionaba"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A rúa de Santa Clara abrirase completamente á circulación rodada durante a semana próxima
Por Mónica Patxot |
-
A programación de obras para o ano 2015 volverá centrarse no barrio de San Antoniño
Por Redacción |