A Pontevedra dálle a ventoeira
Por Redacción
Os fortes ventos da tarde deste luns deixaron un regueiro de incidencias pola cidade, sendo unha das máis rechamantes a que afectou á exposición 'Do gris ao violeta' que se mantén na praza de Ourense e o Paseo de Antonio Odriozola. Dúas das pezas da mostra caeron ao chan e sufriron pequenos danos.
A exposición, que forma parte do proxecto 'A memoria das mulleres', manterase ata finais de maio, de modo que o Concello optou por arranxar os dous paneis afectados. Na paxina de facebook oficial do proxecto difundiuse que agardan que este martes xa estén arranxados.
Esta exposición manterase finalmente máis tempo do previsto debido á demanda de visitas, pois xa recibiu a máis de 400 alumnos de sete centros escolares de Pontevedra e ao longo do mes de maio está previsto que se organicen visitas guiadas con varios colexios máis.
COMARCA DO SALNÉS
Os refachos de vento tamén se deixaron sentir en boa parte da comarca do Salnés onde causaron algúns danos menores coa caída de árbores en estradas da rede viaria secundaria.
En Vilagarcía os principais damnificados foron coches estacionados no barrio da Florida onde lles caeron enriba paneis publicitarios. E na Avenida da Mariña un vehículo estacionado foi golpeado por un colectores do lixo desprazado polo vento.
En Vilanova unha árbore do xardín de Umbrío rematou no medio da calzada, ao lado do concello, así como parte da iluminación da festa ou algún farol na estrada de Corón.
No Grove tivo que intervir Protección Civil para auxiliar unha embarcación á que se lle abriu unha vía de auga en Porto Meloxo.