120.000 euros para melloras en sinalización e pavimentación de varias rúas
Por Redacción
A partir da última semana de abril iniciaranse as obras de pavimentación e de sinalización que no mediodía deste xoves 23 anunciaba o concelleiro de mobilidade e de patrimonio, Luis Bará.
As obras de sinalización viaria centraranse no pintado das rúas co dobre obxectivo de mellorar a estética e aumentar a seguridade, xa que se comprobou que algunhas das indicacións de trinta rúas atopábanse borradas. Os traballos afectarán a beiramar e a zona leste, na Avenida de Lugo, Fernández Ladreda ou Juan Carlos I. Desta forma vanse mellorar tanto as sinalizacións horizontais de liñas brancas e amarelas coma os pasos de peóns e ceda o paso. Estes traballos teñen un presuposto de 58.578 euros.
En canto á pavimentación, tamén a partir da próxima semana se iniciarán actuacións parciais de pavimentación na rúa Peregrina Conde Bugallal Domingo Fontán, Sagasta, Joaquín Costa, Filgueira Valverde, Juan Carlos I (fronte ao Conservatorio de Música) e na rúa Portugal de Monte Porreiro, ademais de na parroquia de Mourente. Todas estas obras de pavimentación teñen un presuposto de 60.250 euros e serán acometidas por Covsa.
O concelleiro tamén quixo alertar os veciños de que nalgunhas rúas se acometen pavimentacións a cargo das empresas que realizan traballos de cableado ou doutros servizos, asumindo só o asfaltado do tramo no que interveñen.
Estaba previsto que este xoves 23 se iniciasen as obras de instalación de lombos elevados na glorieta da Avenida de Juan Carlos I coa rúa San Mauro. Non obstante por problemas técnicos tiveron que suspenderse.
Bará anunciou que a próxima semana tamén estarán finalizadas as obras na rúa Peregrina na que se eliminan os xardíns para agrandar o paso para peóns. Tamén está previsto que a finais de mes se inicien os traballos de arranxo do aparcadoiro situado ante o Pavillón de Deportes, nas proximidades ao centro Torrente Ballester e tamén na zona da praia fluvial.
Por outra parte, este venres finaliza o prazo de presentación de ofertas para o proxecto de creación da praza prevista en Loureiro Crespo ante o Hospital Provincial. O concelleiro anunciou que está previsto que se realice unha reunión informativa cos veciños para explicarlles en que vai consistir este proxecto que supoñerá algúns cambios en relación cos accesos e a parada de taxis.
Relacionadas:
-
Ollo ao tráfico! Restricións este martes en Conde Bugallal e Domingo Fontán por obras de asfaltado
Por Redacción |
-
Obras para mellorar o paseo peonil do Lérez e ampliar os aparcamentos preto do IES Torrente Ballester
Por Redacción |
-
A praza fronte ao Hospital Provincial adxudicarase en tres meses
Por Oskar Viéitez |