Fins Eirexas, da Plataforma contra a Incineración: "Aquí temos unha mafia, unha camorra que se chama Sogama"
Por Anxo Lourido
A Plataforma Galega contra a Incineración anunciaba este martes 14 en Pontevedra que a comisión de peticións do Parlamento europeo admitiu a trámite a denuncia contra a política de residuos da Xunta e de Sogama. O motivo, segundo este colectivo, encóntrase no incumprimento da lexislación comunitaria de residuos. Desta forma abrirase unha investigación para comprobar o proceso de incineración e a actividade de reciclaxe que se desenvolve en Galicia. Dende os grupos ecoloxistas que se integran na Plataforma esperan que no prazo dun ano conclúa este traballo por parte das autoridades europeas.
A Plataforma acudiu á Unión Europea para reclamar que se avalíe negativamente o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia e revise as instalacións de Sogama. Ao mesmo tempo pídese un posicionamento contra a nova planta incineradora e contra calquera financiamento público deste servizo.
Fins Eirexas, integrante de Adega, indicou que queren que se "levanten ás saias a política de residuos de Sogama" e agardan que a comisión chame a varios integrantes dos colectivos ecoloxistas a declarar a Bruxelas. Eirexas espera "que toda Europa vexa como se están tratando aquí os residuos, que non é moi diferente ao que acontencía no sur de Italia cando a mafia, a camorra, controlaba a xestión dos residuos. Aquí temos unha mafia, unha camorra que se chama Sogama e Partido Popular e que teima en incumprir as directivas e as leis de residuos para beneficiar a unha empresa privada que é Gas Natural Fenosa".
Ante esta situación, a Plataforma posiciónase a favor da construción da planta de compostaxe na parroquia da Canicouva ao entender que é un centro de residuos orgánicos e por ese motivo non entenden a postura contraria que mantén o grupo municipal do PSOE a este proxecto. Segundo indicou Eirexas, tanto Antón Louro coma Patricia Vilán na reunión que mantiveron con estes grupos ecoloxistas só alegaron "tacticismo electoral" para xustificar a súa posición contra a planta da Canicouva.
O responsable da Plataforma Galega contra a Incineración considera que é preferible unha situación nun ámbito vexetal antes que nun polígono industrial para, desta forma, poder empregar restos de poda e outros elementos naturais sen necesidade de longos desprazamentos.
Relacionadas:
-
Veciños de Ponte Sampaio no Pleno: "Para facer este vertedoiro terán que pasar por riba dos nosos cadáveres"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A plataforma anti-compostaxe fretará autobuses para acudir a protestar ao pleno e manifestarase o 7 de maio
Por Oskar Viéitez |
-
A plataforma anti planta de compostaxe inicia mobilizacións
Por Redacción |
-
A planta de compost é, para o PSOE, un "cabalo de Troya" que convertirá a Pontevedra na "Sogama do sur"
Por Alejandro Espiño |