Licitan pequenas melloras na estación de autobuses do Grove
Por Redacción
A Xunta realizará pequenas obras na estación de autobuses do Grove. O Diario Oficial de Galicia publica este martes a licitación da segunda fase das obras de mellora de accesibilidade, instalacións e sistemas de información destas instalacións.
Estes traballos, dependentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, teñen un orzamento inicial de 42.102,12 euros. Nese prezo tamén se inclúen obras similares na estación de Lalín. A presentación das ofertas rematará pasados 26 días naturais contados desde o día seguinte da súa publicación no DOG.
No caso do Grove, levaranse a cabo as melloras na accesibilidade que consistirán na reparación de bordos e ramplas na zona de andéns, co que se incluirá unha nova praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, así como sinais verticais e horizontais.
Así mesmo, realizaranse melloras nas instalacións e cambiaranse caneiros e baixantes, polo que se reporá o material en mal estado, respectando calidades e dotando de mellores condicións funcionais a instalación.
Por outra banda, repararanse humidades en distintas zonas, incluíndose a mellora da impermeabilización da cuberta e o falso teito, e arranxaranse as carpinterías exteriores.
Estas obras están incluídas no Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia que contempla a mellora e modernización da rede destas infraestruturas de transporte público por estrada da comunidade autónoma.
O plan finánciase con cargo ao programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).