A estación de autobuses do Grove xa está en obras
Por Redacción
Comezou o ‘lavado de cara’ que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lle vai a facer á estación de autobuses do Grove. Trátanse de obras de mellora de accesibilidade, instalacións e sistemas de información das instalacións.
Este proxecto contempla a execución das melloras na accesibilidade que consistirán no establecemento dunha nova praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida e a adecuación de bordos e ramplas na beirarrúa ata acadar un itinerario accesible de entrada á estación de autobuses.
Tamén se realizarán melloras nas instalacións, co que se cambiarán os canalóns e baixantes, polo que se reporá o material en mal estado, respectando calidades e dotando de mellores condicións funcionais a instalación.
Por outra banda, repararanse as humidades en distintas zonas, incluíndose a mellora da impermeabilización da cuberta e a reposición do falso teito afectado. Ademais, tamén se arranxaron as carpinterías exteriores da zona da cafetería.
Estas actuacións están enmarcadas no Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia, que a Xunta de Galicia puxo en marcha para optimizar e modernizar a rede destas infraestruturas de transporte público por estrada da comunidade autónoma.
Este plan implicou a licitación de obras por importe de case dous millóns de euros, para mellorar a accesibilidade, instalacións e sistemas de información de 25 estacións de autobuses.