Instalados os nanosatélites da Universidade de Vigo para medir a calidade do aire de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A Praza de España, o parque de Bombeiros e o barrio de Mollabao. Son os tres puntos onde xa se situaron os primeiros sensores que medirán a calidade do aire de Pontevedra.
Forman parte do proxecto da Universidade de Vigo que, con apoio do Concello de Pontevedra, utilizará nanosatélites para monitorizar en tempo real as condicións ambientais da cidade.
Segundo explicou o concelleiro César Mosquera, estes primeiros sensores medirán a contaminación física relacionada coas partículas sólidas en suspensión e o nivel de ruído.
Instaláronse hai uns dez días. Os datos recíbeos o enxeñeiro municipal no seu ordenador e, proximamente, poderán consultarse en tempo real a través da páxina web do Concello.
Nestes primeiros días constatouse que están a transmitir "con total normalidade", se ben hai "diferenzas" notables dependendo da dirección na que sopre o vento. Mosquera indicou que cando chega do norte "os niveis son mínimos", mentres que cando o vento procede do suroeste "non chegan ao límite legal, pero se disparan moito".
Neste sentido, César Mosquera adiantou que dentro deste proxecto se estudará se iso é debido a algún tipo de emisión en Ence, Elnosa ou o Porto de Marín.
En próximos días instalaranse novos sensores, que se están a calibrar actualmente, que botarán datos, entre outros, do nivel de ozono, dióxido de carbono e óxidos nitrosos no aire que respiramos.
Ademais, tamén se incorporarán medidores que controlarán os ríos do municipio e na Ría de Pontevedra. Eses sensores transmitirán aos nanosatélites datos en tempo real sobre o caudal e turbidez dos ríos, o estrés hídrico ou o grao de humidade nos montes e zonas agrícolas.
Relacionadas:
-
O satélite Humsat xa recolle datos sobre ruído e contaminación dos sensores instalados en Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra, campo de probas para un proxecto de nanosatélites auspiciado pola ONU
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra probará nanosatélites para controlar en tempo real o estado dos seus ríos
Por Alejandro Espiño |