O Concello de Poio reitera o seu compromiso de colaboracion co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Por Redacción
Este martes a concelleira de Benestar Social e Igualdade do Concello de Poio, Lidia Salgueiro, asistiu en Santiago de Compostela á presentación do proxecto Causas Comúns e á asemblea xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio este Concello dende o ano 2000, e que tivo lugar na sede da FEGAMP.
Nesta primeira asemblea xeral ordinaria do ano, deuse a coñecer o plan de actividades do Fondo Galego para 2015, que xirará arredor do décimo aniversario de Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional dirixido a persoal das deputacións e concellos socios. Tamén se aprobaron o orzamento previsto para o presente exercicio e o balance económico de 2014, entre outras cuestións.
Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.
Nesta xuntanza, o Concello de Poio reiterou o seu compromiso no eido da cooperación ao desenvolvemento e coa sensibilización da veciñanza a prol da solidariedade internacional, apoiando as iniciativas presentadas e renovando o convenio de colaboración coa entidade cooperativista.
EXPOSICIÿNS EN ÁFRICA E GALICIA
O secretario executivo da plataforma de ONGD da rexión de Bafatá, Boubakar Djalo, o fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón e a traballadora social Rocío Botana explicaron os resultados da iniciativa desenvolvida en Guinea Bissau, co cofinanciamento da asociación municipalista e do Concello de Pontevedra.
Causas Comúns botaba a andar a comezos de ano en Guinea Bissau coa exposición "EUROPA, realidade dun soño", que segue a xirar por diferentes aldeas para visibilizar unha Europa descoñecida, con dificultades económicas e sociais, a fin de amosar os obstáculos que poden atoparse á hora de emigrar, xa que desde as costas guineanas saen moitos dos caiucos que chegan a Canarias. Alén das correspondentes charlas, Gabriel Tizón e Rocío Botana desenvolveron durante tres semanas actividades como formacións para fotógrafos locais comprometidos ou obradoiros con asociacións para a elaboración de proxectos.
O obxectivo de Causas Comúns é informar e sensibilizar a través da fotografía como idioma común, tanto ao pobo galego como ao guineano, sobre o incumprimento dos Dereitos Humanos en África e en Europa, pois non só hai dificultades para acceder á vivenda, o traballo, a comida ou a xustiza nos países empobrecidos. O proxecto subliña asemade a traxedia política e humanitaria que se vive nas fronteiras europeas.
A segunda fase da iniciativa arrincaba en Galicia coa inauguración da mostra "África, soños e mentiras", que ata finais de mes pode contemplarse no Concello de Pontevedra e que despois percorrerá distintos centros sociais e de ensino, para logo visitar outras administracións socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.