A Xunta mellora a seguridade viaria en dúas glorietas das localidades de Cambados e Ribadumia
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a executar unha mellora de seguridade viaria en dúas glorietas da vía rápida en Cambados e Ribadumia, actuando sobre unha superficie de 3.000 metros cadrados.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e a alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, visitaron este luns estes traballos acompañados do xefe territorial de Medio Ambiente, José Luis Díez.
A actuación de mellora consiste no reforzo localizado do firme nas dúas glorietas, cun importe de 36.445 euros aos que hai que sumar tamén outros 14.000 euros que permitiron a instalación de balizas nos eixes dos tramos da VG 4.2 e VG 4.3, onde existe unha liña continua para mellora da seguridade viaria.
En concreto, esta fin de semana xa se instalaron esas balizas e nos próximos días instalarase na autovía do Salnés.
Estas obras contarán en total cun orzamento de máis de 80.000 euros, xa que, ao anterior, hai que sumar a substitución da malla de cerramento ao longo de 2 quilómetros nestas mesmas estradas.