Case vinte cursos de formación, oferta do programa municipal Pisando Forte 2015
Por Alejandro Espiño
Unha aposta por "mellorar a empregabilidade" dos mozos de Pontevedra, intentando formalos aproveitando as "vantaxes competitivas" que ofrece o municipio. Ese é, en liñas xerais, o obxectivo da nova edición de Pisando Forte, un programa de cursos de formación que impulsa o Concello de Pontevedra e que foi presentado este martes polo concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez Junquera.
De cara a este ano 2015, ofértanse 363 prazas nun total de 18 cursos -dun máximo de 75 horas- que se celebrarán entre os meses de abril e novembro. Trátase de formación gratuíta para todos os participantes. O custo desta iniciativa, próxima aos 10.000 euros, é asumido integramente polo Concello de Pontevedra.
A programación conxuga ofertas para mellorar as habilidades persoais como cursos de manipulador de alimentos ou de informática e competencia dixital; propostas dirixidas a formadores relacionadas, entre outros, coa violencia de xénero ou o uso do galego; ou cursos de xestión económica ou sobre como sacar partido a unha marca. Haberá tamén propostas relacionadas coa gastronomía ou a produción e organización de eventos musicais.
A oferta completa pódese consultar na páxina web da concellaría.
Pisando Forte ten unha demanda "fortísima", segundo Demetrio Gómez. Neles poderán participar todas aquelas persoas que, empadroadas en Pontevedra, teñan entre 16 e 35 anos. Haberá unha serie de criterios de acceso, primando a aqueles que estean en situación de desemprego ou traballen por horas, por exemplo; e por primeira vez haberá control de asistencia e unha proba final de avaliación.
O prazo de preinscrición comezará o 30 de marzo e os interesados poden anotarse a través de http://xuventude.pontevedra.eu, no teléfono 986 840367 ou de forma presencial nas oficinas de Xuventude na Casa Azul, abertas ao público entre as 9.00 e as 14.00 horas.