Preocupación no Concello ante a pretendida privatización dos rexistros civís
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrou este xoves a súa "preocupación" ante a anunciada privatización dos rexistros civís. Fíxoo tras reunirse cunha representación dos delegados sindicais dos xulgados pontevedreses, que iniciaron unha campaña de protestas para mostrar o seu "profundo rexeitamento" a unha medida que supoñerá poñer este servizo en mans dos rexistradores da propiedade.
Fernández Lores, que anunciou que o BNG trasladará ao Pleno unha moción de apoio ás reivindicacións dos traballadores, criticou que esta medida vaia servir para "alonxar" a administración de xustiza dos cidadáns e que vaia "beneficiar" a un sector privado fronte aos intereses públicos. "E curiosamente, a un sector que ten moito que ver coa familia de Rajoy", apuntou o alcalde pontevedrés.
Ante esta situación tanto o rexedor coma os delegados sindicais esperan que a cidadanía ofreza unha resposta "contundente" que obrigue o Goberno a reconsiderar unha decisión que, de prosperar, implicará que todos os cidadáns pasen a pagar por servizos que ata agora tiñan de forma gratuíta, recordou o delegado de CIG, Xosé Barreiro, " e que funcionaba de forma máis que satisfactoria".
Barreiro explicou que a súa "non é unha reivindicación laboral ou salarial", senón que se opoñen ao "transvase" dun servizo público a mans privadas "sen xustificación ningunha". Asegurou que é "mentira" que o traballo dos rexistros civís sexa "insuficiente ou ineficaz" e alertou do perigo que supón que datos persoais tan sensibles como nacementos, defuncións, vodas ou divorcios pasen a estar xestionado por iniciativas privadas.
"Por que alguén vai a poder negociar co meu casamento ou con nacemento dous meus fillos sen o meu permiso", apuntou este delegado sindical, quen lamentou que o Goberno permita que se faga negocio "coa personalidade de cada un de nós".
Os sindicatos insisten en que este cambio normativo é "inmoral" e permitirá ao sector privado lograr grandes beneficios. Calculan que chegarán a xestionar uns 1.500 millóns de euros, cinco veces máis do que xera actualmente como servizo público.
Relacionadas:
-
O PSOE quere que a Xunta esixa a Rajoy que desista de privatizar os Rexistros Civís
Por Oskar Viéitez |
-
Os funcionarios da Parda defenden na rúa o carácter gratuíto do rexistro civil
Por Redacción |
-
Todos os traballadores da Parda mobilizaranse unidos contra a privatización do rexistro civil
Por Natalia Puga |