Os veciños poderán participar na xestión municipal a través dunha nova plataforma informática
Por Oskar Viéitez
Informar a través dunha aplicación no teléfono móbil dunha avaría nun farol, unha fochanca, un estrago no mobiliario urbano ou a falta dun colector de lixo son algunhas das posibilidades que brindará a plataforma informática depoGAP que en seis meses estará operativa en 60 concellos da provincia (en todos menos Pontevedra e Vigo).
Este xoves celebrouse unha reunión de coordinación cos alcaldes e técnicos dos distintos concellos implicados neste programa. "A súa colaboración é fundamental", insistiu o presidente da Deputación, Rafael Louzán.
Nos próximos días empezará un pase de datos dende as administracións locais para inventariar toda a información que logo se xestionará a través dun Portal do Cidadán mediante o que os veciños poderán interactuar e involucrarse na xestión de activos municipais.
Os responsables desta iniciativa ponderaron o aforro e a axilidade que supoñerá para as maltreitas arcas muncipales ou a previsible mellora da eficiencia no funcionamento dos concellos ademais doutros valores como a corresponsabilidade do cidadán na xestión de activos.
As empresas adxudicatarias do proxecto Indra, Altia e R, teñen por diante un inxente traballo para executar un proxecto que se tardou máis de tres anos en tramitar. Están en xogo 6,5 millóns de euros dos que o 70% son de financiamento europeo, o que obriga a cumprir un prazo "algo axustado", a risco de perderse este "investimento de futuro", como a definiu o propio Louzán.