Corrixen un dos puntos negros viarios da PO-308 en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
"Tiveron que convocalas eleccións para que arranxaran a estrada", así de contundentes mostrábanse os veciños de Dorrón, en Sanxenxo, sorprendidos ante o inicio dos traballos de reasfaltado do treito de baixada da PO-308 á altura dos Cotos.
Este tramo de estrada presenta un alto índice de siniestralidade que os días de choiva intensifícase con numerosas saídas de vía. Os veciños insisten que o problema é que ao tomar a curva os coches "non se agarran á estrada co que baten contra as casas ou caen polo desnivel ás leiras. A última capa de rodadura aplicada sobre as curvas do vial de titularidade autonómica agravou o problema facendo máis escorregadizo o pavimento.
Para evitar estes erros o xefe territorial da consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, José Luís Díaz, explicou que antes de aplicar a capa de rodadura "faranse varias probas con distintos tipos de leitada bituminosa", para logo reasfaltar un treito dun quilómetro de estrada, "especialmente na curva e na contracurva", detallou.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral (BNG), que acampañaba a este responsable da Xunta mentras facía estas declaracións, bromeou con el "recórdelle a Xunta que esta estrada nace na Barca e chega ata o Grove", riu.
A mellora estará rematada durante esta xornada.
Os traballos seguirán os estudos técnicos desenvolvidos por empresas especializadas como Enmacosa que mediron a resistencia, o índice de rozamento, e outros parámetros, "pero ademáis do desgaste e que a velocidade está limitada a 50 quilómetros por hora, eu creo que aquí a xente anímase un pouco máis", dixo o responsable da Xunta.
Esta mesma actuación prolongarase despois á Vía Rápida de O Salnés, no tramo sen desdoblar que une as localidades de Sanxenxo e O Grove.
Neste vial os traballos desenvolveranse durante as xornadas do venres e o luns.
Quedaría aínda pendente para a VG 4.1 outra obra de maior envergadura, como é a instalación da mediana divisoria dos dous carriles de circulación que axudaría a previr as colisións frontais entre vehículos que circulan en sentido diferente.