Perfecto Rodríguez acusa os socialistas de mentir no asunto do catastro
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas Perfecto Rodríguez acusou o voceiro socialista de "mentir unha vez máis" en relación a unha suposta revisión catastral no municipio. Asegura que é "rotundamente falso" que en Ponte Caldelas se estea a realizar un Procedemento de Valoración Colectiva de Carácter Xeral (PVCCG) como di o socialista que supoñería unha revisión dos valores catastrais do municipio.
"Nin estase a facer nin se pediu polo Concello que se faga", di o rexedor. "O que pretende Andrés Díaz como sempre é xerar balbordo faltando á verdade e confundindo os veciños".
Segundo explicou o alcalde, en Ponte Caldelas esa PVCCG coñecida como relatorio de valores fíxose en 2007 con efecto en 2008. Precisamente por facela nesa época, os veciños do municipio non se viron afectados pola suba do IBI que o Goberno aplicou nestes anos a moitos municipios con relatorios de valores antigos.
Perfecto Rodríguez aclarou que o que realizou agora a Dirección do Catastro dependente do Ministerio de Facenda nos últimos meses é notificar os propietarios de diferentes inmobles do municipio que estaban sen declarar para regularizar a súa situación. En determinados casos trátase de novas vivendas ou outras construcións sen dar de alta no catastro e noutros casos de ampliacións ou reformas de certa entidade, construcións auxiliares ou piscinas realizadas en vivendas xa existentes e que non se actualizaron no propio catastro co cal debe cambiar a súa valoración.
A Dirección Xeral de Catastro está a realizar dende o ano 2013 unha regularización en todos os municipios de España co obxecto de que todas as construcións existentes estean dadas de alta correctamente no catastro e polo tanto tributen o correspondente IBI.
Trátase de evitar que haxa propietarios que por non dar de alta as súas vivendas ou as ampliacións realizadas nelas nos últimos anos, saian beneficiados no IBI respecto a aqueles titulares que teñen en regra todos os seus inmobles. Hai vivendas antigas que foron ampliadas e reformadas que non obstante seguen pagando o IBI coa valoración da vivenda antiga. Así mesmo o catastro tamén detectou vivendas ou construcións novas que non estaban dadas de alta e por parto non pagaban IBI.
No ano 2014 esta tarefa realizouse pola Dirección Xeral do Catastro nun total de 72 municipios só en Galicia e 1.000 en España, entre os cales se encontra Ponte Caldelas. Nos próximos dous anos esta actuación terase completado en todos os municipios de España.
Os traballos realizounos o catastro de oficio, e os propietarios recibiron xa as notificacións dos expedientes correspondentes aos inmobles que se encontraban nesa situación.
En todos estes supostos a Axencia Tributaria cóbralle a cada propietario unha taxa de 60 euros por cada expediente correspondente ao inmoble detectado que non estaba dado de alta. Esta taxa está fixada polo Ministerio de Facenda e faino en compensación aos gastos que xera esa regularización, porque é obriga dos propietarios regularizar os seus inmobles cando fan unha nova construción ou unha ampliación. Como moitos propietarios non o fan o catastro fai unha regularización cada certo tempo e cobra esa taxa.
Segundo di Perfecto Rodríguez, non é certo que isto se fixese a petición do Concello ou con escurantismo, porque o propio alcalde, cando coñeceu esta regularización, pediu colaboración ao ORAL para que aquelas persoas que recibiran notificacións e tivesen algunha dúbida puidesen aclarala.
Para estes efectos o ORAL enviou os meses de decembro e xaneiro unha persoa para reforzar a oficina periférica que todos os venres atende ao público nas oficinas do Concello. Nesta oficina facilitouse información aos propietarios así como os trámites relacionados con posibles erros na titularidade ou en medicións. Durante todo ese tempo os veciños afectados recibiron toda a información.
O alcalde quixo deixar claro que se trata da regularización catastral unicamente daquelas construcións novas ou que se reformaron nos últimos anos e que non estaban de alta no catastro. Non é unha revisión de valores catastrais como a que se está a realizar noutros concellos, o que se denomina relatorio de valores, posto que o do municipio de Ponte Caldelas se fixo en 2007 e entrou en vigor en 2008.
Indican dende o Goberno Local que precisamente dende esa data o Concello ten rebaixado ao mínimo legal a taxa municipal correspondente ao IBI que é o 0,4% (a taxa que pode fixar un Concello é entre o 0,4% e o 1,3%). No caso de Ponte Caldelas os cambios de valores só afectarán ás vivendas reformadas e tamén loxicamente ás construcións que non estaban dadas de alta no catastro e que polo tanto non pagaban nada.