O PSOE critica que o Concello de Ponte Caldelas pida unha revisión ao Catastro sen consultar os veciños
Por Oskar Viéitez
O PSOE de Ponte Caldelas xa está "farto do escurantismo co que este goberno local actúa", segundo sinala nun comunicado remitido aos medios.
Segundo estas mesmas fontes, nos últimos anos o Imposto de Bens Inmobles (IBI) "subiu cada ano por decisión imposta polo goberno local" e agora critican que nas últimas semanas a pesar de anunciar que ía conxelar as taxas para este ano 2015, solicitou unha revisión do actual relatorio de valores.
Unha decisión que provocou que "sen previo aviso lles chegase aos veciños á súa casa unha carta do catastro na cal se lle explicaba que lles revisaron os metros habitables da súa vivenda onde na maioría se incrementa, ademais do pagamento de 60 euros pola xestión, estean de acordo ou non".
En Ponte Caldelas a última revisión do relatorio de valores foi no ano 2007 con efecto en 2008 e segundo informa o Ministerio de Facenda que é de quen depende o Catastro, para poder facer unha procedemento de valoración colectiva de carácter xeral (PVCCG) determínase un novo valor catastral para a totalidade dos bens inmobles urbanos do municipio correspondente.
Simultaneamente a estes procedementos, determínase tamén un novo valor catastral para todos os bens inmobles rústicos do municipio, que conten con construción. Na actualidade en Ponte Caldelas o valor é o mesmo para ambos os dous.
Os PVCCG inícianse logo de manifestación do interese polo concello correspondente, ao detectarse diferenzas substanciais entre os valores de mercado actuais e os que serviron de base para a determinación dos valores catastrais vixentes, normalmente por modificacións do plan urbanístico. Non obstante os socialistas sinalan que este "non é o caso de Ponte Caldelas, pois por decisión de Perfecto Rodríguez a actualización do PXOM leva paralizado dende hai máis dun ano".
Dende o PSOE de Ponte Caldelas consideran que esta revisión oculta "unha nova suba de impostos, dado que para o ano 2016 os veciños que se lles incrementasen os metros habitables da súa vivenda con toda probabilidade pagarán máis de IBI".
"Todo isto sen comunicación ao Pleno nin pública e xa é costume deste goberno local a falta ao respecto aos veciños, a pouca claridade e información é indignante, supoñendo esta situación un novo abuso da maioría absoluta que en Ponte Caldelas ten o Partido Popular", conclúe o escrito do PSOE.