O tempo vai manterse inestable durante toda a fin de semana
Por Redacción
Unha nova fronte achégase a Galicia durante este xoves 26 coa presenza de ceos moi anubrados e chuvias, débiles e intermitentes nas Rías Baixas durante as primeiras horas, que serán máis xeneralizadas e intensas pola tarde. Durante a noite, as chuvias continuarán de forma illada e intermitente. As temperaturas manteranse entre os 10 e os 13 graos, con vento que soprará frouxo de compoñente oeste ata a noite que variarán para entrar polo norte.
A situación durante o venres 27, segundo as previsións de MeteoGalicia, será intermedia entre as altas presións e as baixas do Atlántico norte. Pola mañá predominarán ceos que alterrnarán nubes e claros. Pola tarde comezarán a entrar nubes polo oeste que deixarán os ceos moi anubrados con precipitacións débiles no norte. As temperaturas descenderán, sobre todo as mínimas, situándose arredor dos 7 graos.
O sábado 28 continuará a situación de humidade debido aos ventos de compoñente oeste que achegarán ceos moi anubrados con chuvias débiles. As temperaturas manteranse entre os 10 e os 12 graos. Os ventos irán variando ata soprar frouxos do sueste.
O domingo comezará o mes de marzo. Entrará marcado coa presenza de frontes que situarán as Rías Baixas nunha zona con altas probabilidades de precipitacións. Esta situación prolongarase tamén durante o luns. Será a partir do martes 3 de marzo cando comece a influencia anticiclónica.