Os continuos esvaróns na rúa Busto de Abaixo de Marín obrigan a reparar a beirarrúa
Por Redacción
A rúa Busto de Abaixo de Marín converteuse nunha zona de perigo para peóns e condutores. Así o reflicten as numerosas reclamacións que se rexistran no Concello de Marín con motivo dos esvaróns que os viandantes sofren ao pasar por esa rúa. Por este motivo, o goberno local decidiu iniciar unha actuación importante no solado de pedra.
A situación agrávase nos días de chuvia que, segundo o Concello, provocan deslizamentos ocasionando algún accidente, algún atropelo e mesmo choques contra as vivendas.
Os traballos que se van realizar consisten no rañurado nos dous laterais da rúa por onde baixan os peóns sobre zona de solado granito "gris alba", que consistirá en rañurar a baldosa cada 13 centímetros. Desta forma, dende o goberno local agárdase que poidan evitarse os esvaróns dos peóns.
Realizaranse tamén rañurados similares en panos centrais de granito Gris Mondariz e granito Gris Alba. Ademais instalarase unha franxa de lastra gran Gris Mondariz Nacional para que sirva de freo dos vehículos e para canalizar as augas da chuvia cara aos sumidoiros centrais.
Estes traballos aproveitaranse para substituír as baldosas que se encontren fracturadas ou soltas por outras novas. A actuación finalizará cunha limpeza da rúa con deterxente neutro especial granito.
A previsión do Concello é que o 4 de febreiro se inicien as obras con cortes do tráfico da rúa, que estarán indicadas por sinalizacións da Policía Local. Agárdase que as obras estean finalizadas o venres 13 de febreiro. O investimento ascende a 10.000 euros.