Mosquera, sobre os que piden máis industria pesada: "Son parte da dereita que segue anclada nos anos 60"
Por Alejandro Espiño
Ao goberno municipal non lle gustou moito a petición da patronal pontevedresa -tras unha reunión convocada polo PP- de que o Concello traballe para atraer industria pesada á cidade. Foi o concelleiro César Mosquera quen verbalizou a "preocupante" visión de futuro que deixan entrever estas palabras, pronunciadas na súa opinión por "parte da dereita que segue anclada nos anos 60".
César Mosquera lamentou que estes colectivos, co Partido Popular á fronte, anhelen unha Pontevedra "rodeada de Ences, Tafisas e siderurxias" e recordou que ese modelo económico baseado neste tipo de industrias pesadas xa foi desbotado por "moitas cidades que entenderon que xa non había futuro nelas". Son instalacións que, dixo, "empregan pouca man de obra e teñen unha afección ambiental terrible".
O edil nacionalista afirmou que "está ben" que se opoña ao modelo de cidade que defende o Concello de Pontevedra se así o consideran oportuno, pero sinalou que apostar por este tipo de industrias supoñería unha "volta atrás" e un "deterioro" das condicións de vida de todo o municipio.
Neste sentido, Mosquera explicou que este tipo de complexos industriais son "totalmente incompatibles" con todos os parámetros de calidade urbana e, ademais, supoñería volver a unha "vía fracasada" como así se demostrou en cidades non moi afastadas, apuntou, como Ferrol.