Inversión europea para arranxar a Ponte de Liñares
Por Redacción
O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, e o alcalde de A Lama, Jorge Canda, asinaron este martes o convenio para reparación da ponte Liñares, na Xesta. Segundo dito acordo, o Concello comprométese a poñer a disposición os terreos e os inmobles necesarios para poder levar a cabo as obras de consolidación do estribo dereito desta ponte histórica. Ademais, unha vez rematadas as obras, asumirá a xestión, mantemento e conservación do ben.
Trátase dunhas obras que supoñen un investimento de case 30.000 euros que están cofinanciadas nun 80 por cento polo fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.
A ponte Liñares forma parte do inventario xeral do Patrimonio Cultural de Galicia así como do inventario de Pontes Históricas de Galicia. Unha importante crecida do río no ano 2011 arrasou un bolo granítico pegado ao paramento do estribo dereito que lle servía de protección natural fronte as turbulencias que xeraban as crecidas, o que afectou á súa estabilidade.
Por tal motivo é necesario executar unha serie de obras co fin de frear o seu deterioro ao tempo que garantir a súa conservación. Para iso, desbrozarase e limparase o ámbito de actuación, construiranse dous muros ancorados á roca natural para reforzar a parte baixa do estribo e farase un recheo de cal puzolánica tras o paramento augas abaixo.