Remata a construción dun novo depósito de auga en As Lagoas
Por Redacción
O Concello de Cotobade vén de rematar as obras do abastecemento de auga no lugar de As Lagoas, na parroquia de Rebordelo.
Despois de rematar as dúas captacións de auga, conectalas ata o novo depósito ao longo de 1.500 metros, e construír este novo depósito cunha capacidade de 160 metros cúbicos, "os veciños de As Lagoas verán cumprido o compromiso que asumimos con eles para promover dende o Concello esta fundamental inversión", salientou o alcalde, Jorge Cubela.
Estas obras beneficiarán practicamente á totalidade do núcleo de As Lagoas.
O Goberno Local decidiu priorizar esta inversión nos fondos provinciais, destinando unha partida de 46.100 euros. "Hai que sinalar que estas obras non lle supuxeron nin un euro a ningún usuario", dixo Cubela.
O alcalde sinalou que "nunca antes se fixera tanto con tan pouco. Particularmente, gustaríame sinalar o grande esforzo que o Concello asumíu en completar os abastecementos de auga da parroquia de Rebordelo, como foron os abastecementos de Pozo Negro e Facho, e agora en As Lagoas".
"Podo dicir que asumín todas as peticións para completar e rematar as obras emprendidas nesta parroquia para mellorar os abastecementos de augas, obras prioritarias para os veciños e, polo tanto, para min", concluiu Cubela.