5.300 alumnos da UNED, a exame dende este luns en Pontevedra
Por Redacción
Este luns pola mañá daba comezo o inicio da primeira semana de probas presenciais na UNED en Pontevedra. Están convocados a realizar as devanditas probas un total de 5.300 alumnos matriculados no Centro Asociado. Esta primeira semana de probas presenciais prolongarase ata o sábado 31 de xaneiro.
Do 9 ao 14 de febreiro, os alumnos terán unha segunda oportunidade para examinarse daquelas materias que non se examinasen na primeira semana. Unha organización e calendarización dos exames que difire da universidade presencial. En total, realízanse catro probas diariamente supervisadas por un tribunal enviado pola sede central.
Recentemente ademais, o Centro Asociado á UNED de Pontevedra logrou a certificación no nivel de implantación do Sistema de Garantía Interna de Calidade na Xestión (SGICG-CA). Este certificado outórgao a Cátedra de Calidade da UNED "Cidade de Tudela" como entidade acreditada pola ANECA para levala a cabo.
Esta certificación, vixente ata o ano 2017, está suxeita a auditorías de mantemento anuais. O obxectivo é avanzar cara a unha maior calidade dos servizos ofrecidos polo Centro Asociado e reforzar o seu compromiso cunha xestión eficaz.