A UNED de Pontevedra aproba un presuposto de case dous millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O padroado do Centro Asociado á UNED de Pontevedra, celebrou este xoves nas instalacións da institución educativa en Monte Porreiro a segunda Xunta Reitora do presente curso académico na que, entre outros puntos do día, se aprobou un presuposto inicial dun 1.904.078,30 euros para o exercicio do 2015.
A maior parte deste presuposto son fondos propios da UNED (981.736,50 euros) e as achegas que realizan as dúas administracións públicas que máis colaboran no financiamento do centro pontevedrés, a Deputación (336.000 euros) e o Concello de Pontevedra (130.944 euros). A eles hai que sumar os 14.400 euros que, entre as dúas, achegan aos cursos de verán.
Ademais, o Ministerio de Defensa achega 78.200 euros, a Consellería de Educación un total de 69.998 euros e tamén colaboran os outros tres concellos que contan con aulas da UNED: Vigo (76.089,05 euros), Tui (38.746,27 euros) e Lalín (30.250,27 euros). O presuposto complétase cos 30.000 euros que cede ENCE, a única empresa privada que colabora con esta universidade.
Así mesmo, facilitouse un avance da liquidación provisional do exercicio 2014, que pechará cun superávit de aproximadamente 7.000 euros.
Ademais anunciouse que dentro do marco de colaboración da UNED en xeral e do Centro Asociado en particular coa Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, o Centro Asociado da Lama contará a partir deste curso con asesor, que servirá de enlace ao conxunto de reclusos coa UNED, tendo en conta a metodoloxía propia da educación a distancia e as limitacións da prisión.