Como facer que unha carballeira sexa produtiva e cree emprego
Por Redacción
Técnicos da Consellería de Medio Rural da Xunta protagonizaron unha charla informativa en Xesta sobre as posibilidades que ofrece a administración autonómica para favorecer o asociacionismo forestal para un mellor aproveitamento e conservación de masas arbóreas como as carballeiras de Pigarzos, Xesta, Liñares e arredores.
A reunión foi convocada pola Comunidade do Montes de Xesta e a Asociación de Veciños San Bartolomé e a ela asistiron os veciños propietarios das parcelas forestales da parroquia así como técnicos da Xunta e o propio alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, quen animou aos asistentes a estudar fórmulas de asociacionismo forestal para protexer a carballeira, facela produtiva e crear emprego a través das distintas posibilidades que ofrece esta masa de frondosas, unha das máis belas e importantes de Galicia.
Os técnicos destacaron o valor ecolóxico e medioambiental da masa forestal de frondosas existente en Xesta e animaron aos propietarios asistentes a explorar a necesidade de constituír unha agrupación forestal co fin non só de conseguir axudas da administración autonómica para a limpeza e conservación deste espazo natural senón tamén pensando no aproveitamento económico desta zona forestal.
Entre as posibilidades e fórmulas xurídicas expostas polos técnicos sinalaron como as máis idóneas a creación dunha agrupación forestal de propietarios co fin de asociar e unir a vontade dos veciños en proxectos que terían moitas posibilidades de contar co apoio e a subvención da administración autonómica.
Entre os usos que poderían darlle a estas parcelas forestales figuran a recolección de castañas, aprovechamiento madereiro, elaboración de biomasa, explotación cinexética, cultivo de cogumelos, froitos salvaxes, corcho, plantas aromáticas e mediciñais, gando, cría de porco celta, etc.
Os técnicos expuxeron tamén o que son as SOFOR (Sociedades Forestales), instrumento de raíz empresarial do que formarían parte, voluntariamente, aqueles propietarios que quixesen constituír unha empresa. Durante polo menos 25 anos, non cederían a propiedade do terreo, pero si o aproveitamento forestal do mesmo. Cada propietario tería unha representación na empresa en función da superficie aportada, calidade do terreo e valor da masa forestal que posúa nese momento.
A fórmula da SOFOR foi vista polos asistentes como unha posibilidade a longo prazo e consideraron como máis interesante iniciar un estudo das posibilidades de axudas e subvencións que podería reportar a creación dunha asociación forestal de propietarios en Xesta como primeiro paso na vontade de buscar alternativas para facer sostenible o coidado e mantemento das carballeiras da zona.
O presidente da Asociación de Veciños San Bartolomé, Enrique Vaqueiro, propuxo iniciar un proceso de consultas sobre as alternativas ofrecidas polos técnicos da Xunta e impulsar un estudo sobre a identificación de propietarios dos terreos co fin de actualizar o listado e favorecer no futuro emprender calquera solución das propostas. Así mesmo, sinalou que sería un traballo a realizar nestes meses, antes do verán, co fin de que cando regresen os emigrantes das súas terras de allida poder presentarlles unha proposta clara para o seu estudo e adoptar as decisións oportunas.