O pintado de varias rúas de Portonovo obrigará a pechalas ao tráfico esta fin de semana
Por Redacción
A Policía Local pechará este sábado ao tráfico rodado varias rúas de Portonovo para proceder ao pintado da sinalización horizontal. Trátase das vías nas que as empresas Gas Galicia e R executaron estes días a reposición do firme naqueles tramos afectados tralos traballos de canalización dos seus servizos.
Concretamente, os axentes municipais cortarán mañá sábado a rúa Ourense, a travesía Doutor Lalinde, a travesía Areal e un treito da avenida Areal. Pola súa banda, os operarios centrarán a súa intervención o domingo nas rúas Areal, Marina e Doutor Lalinde.
Tal e como confirmaron desde a Policía Local tamén haberá cortes de circulación nas vías de acceso ás afectadas para evitar así o tránsito de vehículos. O acceso aos garaxes dos residentes estará permitido unha vez que as condicións da pintura sexan idóneas para iso.
Esta actuación é froito da reclamación realizada no seu momento polo Goberno local a estas empresas, que asumen estes labores consistentes no fresado, pavimentación e pintado, destinando para iso unha contía que rolda os 60.000 euros.