Gas Galicia e R asumirán finalmente a reposición de sete rúas de Portonovo
Por Redacción
As empresas Gas Galicia e R terán que acometer a reposición do firme da zona urbana de Portonovo afectada tras os traballos de canalización dos seus servizos. Así o confirmou o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Tino Sanmartín, que adiantou que estes labores comezarán previsiblemente o próximo día 12 e se estenderán ata o sábado 17, sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan.
Serán un total de sete as rúas nas que se centrará esta intervención que incluirá fresado, pavimentación e pintado "exclusivamente dos espazos que resultaron afectados coas obras que fixeron no seu día". puntualizou o edil.
Sanmartín explicou ademais que a Policía Local, o departamento de Infarestruturas e o de Urbanismo coordinan o operativo necesario para facilitar o tránsito dos veciños e veciñas ao longo da duración dos traballos, "ofrecendo desvíos alternativos xa que haberá rúas que permanecerá cortado, aínda que con acceso permitido a residentes e garaxes", apuntou o concelleiro.
Estas obras foron reclamadas no seu momento polo Executivo sanxenxino, chegando mesmo a iniciar o expediente de incautación do aval depositado ante a Administración local co obxectivo de executalas de forma subsidiaria.
"Finalmente serán ás propias empresas ás que se ocuparán destes traballos que contan cun orzamento duns 60.000 euros", afirmou Tino Sanmartín, ao tempo que aproveitou a ocasión para solicitar a comprensión dos veciños e veciñas de Portonovo ante as molestias que esta acción poida ocasionarlles.