O PP pide o traslado urxente do arquivo municipal situado nos baixos do colexio Froebel
Por Redacción
O Partido Popular reclama ao goberno de Fernández Lores que atenda a petición dos representantes da Asociación de Nais e Pais (ANPA) do colexio Froebel que, segundo os populares, leva solicitando dous anos unha entrevista co concelleiro responsable, Agustín Fernández, para tratar o perigo que supón para a comunidade escolar a presenza do arquivo municipal nos baixos do centro.
Ante esta situación, o PP de Pontevedra, a través de María José Rodríguez Teso, esixe ao goberno local o traslado dese arquivo "porque non só supón un problema de espazo, senón polo risco que implica para toda a comunidade escolar a acumulación de papel altamente inflamable xunto á caldeira de calefacción no soto do centro". A concelleira recordou que "xa nunha ocasión se produciu unha vertedura de gasóleo".
Dende as filas populares preguntan ao goberno de Fernández Loresse pode garantir a seguridade dos 250 estudantes deste centro, do persoal docente e dos traballadores do arquivo. E ademais instan o equipo de goberno a que ofreza unha resposta ao ANPA que reclama un informe técnico sobre a seguridade das instalacións.