Os camiños de Rebordelo xa non dan mágoa
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, visitou este mércores o núcleo de Rebordelo para comprobar o resultado da pavimentación da zona interior que se encontraba moi deteriorada pola presenza de gabias recubertas posteriormente por formigón, que foron realizadas no seu día polos veciños para renovar a súa traída de augas.
Con esta actuación agora realizada, pavimentáronse con aglomerado en quente estes viais co obxectivo de mellorar o acceso á maioría das vivendas de Rebordelo que se encontran situadas nesta zona interior cunha capa de rodadura que homoxeniza a estrada ao tempo que a preserva contra a acción das chuvias. Desta forma con este novo firme a zona queda en perfecto estado para varios anos.
Ademais, dentro tamén do II Plan de Obras da Deputación acometeuse a mellora do firme entre o Cemiterio Municipal de Ponte Caldelas e o barrio do Lombo, en Cuñas, un tramo que soporta un importante tráfico rodado e que precisaba dunha actuación de mellora neste sentido. Antes tamén se mellorara o firme entre a Igrexa e o Cemiterio e con esta actuación completouse esa obra entre o Cemiterio e Cuñas.
Estas actuacións contaron cun presuposto aproximado de 39.000 euros que foron financiados pola Deputación de Pontevedra.