Golpe policial á distribución ilegal de alimentos de consumo no Nadal
Por Alejandro Espiño
47.000 quilos de alimentos e outros produtos de consumo habitual nestas festas, como cavas, licores, mariscos, peixe e carne. ÿ o material incautado pola Garda Civil na denominada Operación Opson, que de cara ao consumo de Nadal, puxo en marcha unha campaña de inspeccións en todo o territorio nacional para o control do comercio e distribución ilegal de produtos alimenticios.
En Galicia detectou unhas 70 infraccións nas catro provincias. Na Coruña foron realizadas 60 inspeccións, das que se derivaron 37 infraccións, algunhas delas relacionadas con produtos como queixos de cabra, xamón de xabugo e espárragos de Navarra. Ademais das 24 sancións en Lugo e as 9 de Ourense, en Pontevedra, onde se incautaron 800 quilos de nécoras, levaron a cabo catro inspeccións e foron propostas catro sancións.
O obxectivo principal da Operación Opson, na que se fixeron máis de 2.000 inspeccións, foi detectar a falsificación de etiquetaxes e denominacións de orixe, a adulteración e venda de produtos caducados ou en mal estado, así como o transporte, distribución e almacenaxe de alimentos sen control sanitario ou sen respectar outros requisitos legais.
De todas estas inspeccións en locais dedicados á venda de produtos alimenticios, establecementos hostaleiros, tendas e almacéns de alimentación, denunciáronse 1.367 infraccións á normativa alimentaria marcada pola Unión Europea. Tamén foron detidas catro persoas e imputadas outras sete.
Con esta campaña, segundo resalta o Instituto Armado, preténdese concienciar a distribuidores e comerciantes da necesidade de observar o cumprimento da normativa europea en materia de seguridade alimentaria, así como ao consumidor para que preste atención ás etiquetaxes e a calidade dos produtos que adquire.
As infraccións máis comúns que se detectaron son a manipulación ou carencia de etiquetaxes, a manipulación das datas de caducidade dos produtos, o transporte ou manipulación de alimentos sen control sanitario, a venda de peixe inmaduro e a conservación de carne ou marisco en almacéns clandestinos sen manter a cadea de frío ou con falta de trazabilidade.
Tamén se detectaron falsificacións das denominacións de orixe en produtos como licores, champaña ou caviar. Interviñéronse 500 botellas de champaña de baixa calidade que ía ser comercializado con falsa denominación de orixe de champaña francesa, polo que foron imputadas 6 persoas. Así mesmo, imputouse a outra persoa pola venda de 500 quilos de caviar común que fixeron pasar por caviar iraniano.