Perde o control do vehículo e impacta contra unha furgoneta na Avenida Porteliña
Por Redacción
A Avenida Porteliña no concello de Poio, situada na PO-308, volveu ser escenario dun accidente de tráfico durante a madrugada deste martes 6 de xaneiro cando un vehículo que circulaba en dirección a Sanxenxo conducido por un mozo invadía o carril contrario para impactar, primeiro, contra os colectores de reciclaxe de papel e vidro situados nesta rúa e, a continuación, contra unha furgoneta aparcada na zona.
O accidente producíase en torno ás 04:30 horas. O impacto provocou un ruído forte que alertou os veciños dos edificios próximos, que chamaron á Garda Civil de Tráfico. Dúas dotacións desprazáronse á zona e foi necesario regular o tráfico ata que o turismo puido ser retirado da calzada.
O condutor do vehículo accidentado viaxaba só e non sufriu danos de consideración. Os axentes da Garda Civil de Tráfico someteron o mozo a un control de alcoholemia e ata o lugar desprazouse unha ambulancia medicalizada.
Os veciños da Avenida Porteliña denuncian que este tramo se converteu nun punto habitual de accidentes debido á velocidade coa que numerosos condutores toman a curva de acceso a esta rúa e reclaman medidas de seguridade vial que eviten estes incidentes.