Alberte Fernández e Sabela Bará, novos responsables de Galiza Nova Pontevedra
Por Redacción
As mocidades do BNG teñen novos referentes na comarca de Pontevedra. Unha asemblea aberta celebrada nos últimos días acabou por elixir a Alberte Fernández e Sabela Bará como responsable comarcal e responsable de Organización, respectivamente. Serán os dous principais dirixentes desta organización.
Así mesmo, María Pousada foi reelixida responsable da Asemblea comarcal de Mulleres e Manuel Fariña será o encargado de ostentar a responsabilidade local do Umia.
Os catro coincidiron en que é un reto que afrontan con ilusión. Alberte Fernández sinalou que Galiza Nova estase a converter nunha organización "máis dinámica e máis activista" e con capacidade para achegar a mocidade ao proxecto do nacionalismo e do BNG "no que cremos e ao que queremos chamar a mozas e mozos de Galicia para construír un país con futuro e traballo, no que non nos condenen á emigración".
No período que comeza, as mozas e mozos do BNG afirman que continuarán a traballar na defensa do estudantado, dos servizos públicos, dos dereitos reprodutivos das mulleres e do dereito ao traballo digno, entre outros, pois din estar "convencidos de que hai moita ilusión por mudar este sistema putrefacto que nos oprime".