Os pontevedreses apuran a compra da lotaría ata o último minuto "por se acaso..."
Por Oskar Viéitez
Na véspera, a menos de 24 horas do Sorteo da Lotaría de Nadal, aínda quedaban despistados que facían cola ante as administracións que abriron as súas portas este domingo para facerse cun décimo "por se acaso..."
A estas alturas xa vale calquera cousa, aquilo de comprar unha terminación favorita antóllase complicado posto que moitas series xa están esgotadas dende hai meses. De modo que a superstición xa non distingue entre números "bonitos" e "feos".
Para cada habitante da provincia de Pontevedra Loterías y Apuestas del Estado consignou 51,02 euros, o que supón un total de 243.654 billetes e 48.730.800 euros.
O Sorteo Extraordinario de Nadal 2014, que se celebra o luns en Madrid, consta de 160 series de 100.000 números cada unha, sendo o total da emisión de 3.200 millóns de euros, repartíndose en premios o 70% da emisión, é dicir, 2.240 millóns de euros.
O premio Gordo será de 640 millóns de euros (4 millóns de euros por serie). O segundo premio repartirá 200 millóns de euros (1.250.000 euros por serie) e o terceiro premio 80 millóns de euros (500.000 euros por serie).
Ademais, o prezo do décimo é de 20 euros e o do billete de 200 euros. Na totalidade do sorteo repártense 24.486.400 premios.
Se vostede é un dos afortunados recorde que o prazo máximo de pagamento caduca aos tres meses, senón o reclama o premio acabará embolsándoo Facenda. Dende 2013, as ganancias obtidas por sorteos están gravadas cun 20%, aínda que estarán exentas os premios cuxo importe sexa igual ou inferior a 2.500 euros.
A principal novidade deste ano é a posibilidade de cobrar o premio a partir das 18.00 horas do 22 de decembro en lugar de esperar á xornada seguinte. Por este motivo este luns moitos bancos abrirán as súas portas, xa saben, e se toca aquí?