Furor polas xemas de San Leandro
Por Redacción
A segunda edición da Feira de Doces de Convento superou todas as expectativas. A iniciativa, deseñada para dinamizar a Praza de Abastos durante a campaña de Nadal, pechou as súas portas durante a tarde do sábado, cun incremento dun 40% nas vendas sobre o ano pasado.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, destacou o efecto positivo que a feira exerceu sobre a praza, pois unhas 2.000 persoas teñen pasado polo primeiro andar do edificio dende a súa apertura, o pasado día 10. Delas, en torno a 600 persoas adquiriron algunha das exquisiteces que se ofertaban.
Os datos recollidos dende o departamento municipal recollen que as vendas alcanzaron un total de 1.400 caixas ou paquetes dos doces elaborados polas monxas das 22 congregacións relixiosas representadas.
As cifras, recalcou Carlota Román, son máis que significativas, pois o ano pasado as vendas quedaron no milleiro de unidades, que xa era unha cantidade moi respetable. De feito, nesta segunda edición foi preciso repoñer produto ata en dúas ocasións, pois a feira comezou con algo máis de 900 unidades.
Os produtos máis vendidos foron, por esta orde, as Xemas de San Leandro (que a un prezo de 14 euros eran o doce máis caro), a Torta real e os Amargillos de Viveiro, as Bágoas do Desterro e os turróns de xema e guirlache. Tamén tiveron moita aceptación os produtos máis asequibles, é dicir, as madalenas e os biscoitos.
A concelleira pontevedresa está moi satisfeita con estes resultados e conclúe que Pontevedra ocupa xa un lugar no calendario galego de feiras de doces de convento (ademais da nosa cidade, celébranse en Santiago e A Coruña). De feito, Pontevedra é a cidade na que máis creceron as vendas durante este ano.
Non obstante, recalca Carlota Román, o obxectivo principal era meter público na Praza de Abastos cun produto atractivo e con tirón popular. "Unha feira destas características podiamos organizala en varios puntos da cidade, pero optamos por situala aí para completar a oferta habitual da Praza e ofrecer outro aliciente ao público, ademais do peixe, marisco e carne. E, á luz dos datos, está claro que acertamos", remarcou.
Relacionadas:
-
A tentación vive arriba, volven ao Mercado os doces de convento
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez | Creada e actualizada