Doce benvidas ao mundo do Dereito pontevedrés
Por Redacción
Doce novos profesionais comezaron formalmente a "carreira de fondo" de desempeñar o oficio de avogado e este venres o Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra deulles a benvida á profesión co que foi o primeiro dos abundantes actos formais que protagonizarán de aquí adiante na súa vida profesional.
"Xuro e prometo acatar a Constitución e o resto do ordenamento xurídico no exercicio da profesión de avogado, cumprindo os deberes derivados da miña pertenza ao ilustre Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra,". Con este xuramento foron pasando un a un os novos togados ante a mesa presidencial, na que estaban presentes o decano do Colexio, Ramón Jáudenes; o seu homólogo en Lugo, Félix Mondelo Santos; e a presidenta do Consello da Avogacía Galega, Nieves Santomé.
Jáudenes deulles a benvida no seu comezo formal do oficio de avogado e recordoulles o "papel muy importante" que xoga na sociedade o profesional do mundo do Dereito e que, no caso do Colexio Provincial de Pontevedra, exerce a función pública en 11 dos 13 partidos xudiciais da provincia.
Os 12 novos letrados chegan a un órgano colexial no que que 500 dos seus 1.500 colexiados prestan servizos na quenda de oficio e que ten a responsabilidade de atender a 640.000 xusticiables, os mesmos que os colexios de Ourense e Lugo xuntos ou que os órganos de Vigo e Santiago xuntos.
O Coro do Colexio deulles a benvida con dúas pezas, unha delas de marcado talante do Nadal, e ao termo da xura a imposición de togas os novos membros puideron vivir a súa primeira experiencia na vida colexial cun viño español no Café Moderno.
Relacionadas:
-
En Pontevedra, un avogado de quenda de oficio cobra 2 euros a hora
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
'Todos tenemos agenda'. A reivindicación dos avogados de Tenerife contra a impuntualidade chegará a Pontevedra
Por Redacción |
-
O Consello Xeral do Poder Xudicial constata "problemas de cargas de traballo" nos xulgados da provincia
Por Oskar Viéitez |