Investigan un tiroteo en Cambados e buscan a dous dos implicados
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Pontevedra mantén aberta unha investigación para aclarar un tiroteo rexistrado a primeira hora da tarde deste xoves na rúa Santa Margarida, no barrio de Santo Tomé de Cambados.
Os investigadores teñen constancia de que se produciu un disparo e a bala impactou nas zonas comúns dun edificio, pero non provocou feridos.
O disparo produciuse supostamente no marco dunha discusión na que se viron implicadas tres persoas. Un deles era un mozo de Cambados de 25 anos residente no edificio no que se produciron os feitos e os outros dous presumiblemente eran dous cidadáns de orixe marroquí que fuxiron nun vehículo de alta gama.
A Garda Civil ten identificado, ata o momento, tan só un dos implicados, o cambadés. Segundo a súa versión dos feitos, o disparou efectuouno un dos outros dous individuos, cos que el concertara unha cita para unha operación de compra-venda dun coche.
O disparo produciuse supostamente no marco dunha discusión na que se viron implicadas tres persoas
As circunstancias do encontro e da discusión posterior aínda están por aclarar, pero supostamente os tres citáranse con intención de intercambiar dous coches. Os dous cidadáns estranxeiros entregaríanlle un coche ao cambadés a cambio doutro vehículo e de 3.000 euros en metálico.
Cando quedaron para ese intercambio, xurdiu a discusión no marco da cal se efectuou un disparo (aínda non ten aclardo quen foi o autor) e, a continuación, os dous visitantes fuxiron. Durante a fuxida un chegou a perderse polas rúas de Cambados, pero finalmente logrou escapar e ambos os dous están a ser buscados pola Garda Civil.
Os feitos aconteceron sobre as 15.20 horas da tarde deste xoves. O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 recibiu unha chamada dun particular que daba conta dunha pelexa na que se escoitaran disparos.