As sirenas soan en Foresa, quede na súa casa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Empezan a soar as sirenas na fábrica de Foresa en Caldas. Como cidadán, o mellor que pode facer é quedar na casa e esperar a que actúen os servizos de emerxencia. Cando remate a alerta ou haxa novidades, recibirá un novo aviso.
ÿ un dos consellos que se lle deu nos últimos días aos veciños de Caldas e Portas dentro da aplicación do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) de Foresa e este martes puido comprobarse que a mensaxe callou na cidadanía. Realizouse un simulacro de emerxencia para poñer a proba o citado plan e tanto os cidadáns coma os servizos de emerxencia responderon do xeito correcto. Os bombeiros tardaron 12 minutos en chegar ao lugar tras recibir o aviso e as ambulancias, 14, segundo os datos aportados ao remate do exercicio.
As sirenas da fábrica soaron ás 9.33 horas da mañá ante unha suposta rotura dunha liña dun tanque, que provocou un derrame de fenol e desembocou nunha dispersión de fumes tóxicos na zona. A partir dese momento despregáronse arredor dun cento de efectivos, moitos deles con máscaras e traxes NBQ, entre os bombeiros de Vilagarcía, voluntarios de Protección Civil de Caldas e Portas, a Garda Civil, a Policía Autonómica, a Policía Local de Caldas, persoal sanitario do 061 e da Área de Xestión Integrada de Pontevedra e o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE).
O accidente simulado provocou a expansión de fumes tóxicos no interior da empresa e na zona do contorno e saldouse cunha persoa intoxicada dentro da industria, de maneira que foi necesario alertar a toda a poboación dos arredores para que quedaran na casa e activar o Plan de Emerxencia Interior da factoría.
No transcurso do exercicio, puido accionarse a nova sirena de aviso á poboación, coa finalidade de que os veciños da zona se familiaricen co seu son e sexan capaces de identificalo, no caso hipotético de activación do plan. Esta é unha das partes fundamentais deste tipo de actividades e, para iso, segundo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa nos días previos se deu información directa á cidadanía e se avisou de que ía soar a sirena, para que non se alarmasen. A maiores, durante todo o tempo de duración do exercicio, una patrulla de Protección Civil de Caldas percorreu as inmediacións transmitindo unha mensaxe por megafonía: "Esto es un simulacro, gracias por su colaboración".
Todo comeza e todo remata cun son de sirena e este martes os cidadáns puideron comprobalo. O que pasou no interior de Foresa non se puido saber ao prohibirse o acceso aos medios de comunicación por cuestións de seguridade, pero si se puido seguir o acontecido no exterior e as autoridades fixeron seguimento de todo o proceso dende o camión da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e as pantallas instaladas na Azucarera de Portas. Como se trataba dun simulacro, o que non se realizou foi todo o despregamento de medios das Forzas de Seguridade e sanitarios na propia factoría, senón no posto de mando e moitos dos efectivos desprazados pasaron por Foresa, pero non pararon alí, senón que se dirixiron ao punto de encontro.
Ao respecto, Alfonso Rueda, que asistiu ao simulacro dende un posto de mando instalado na Azucarera, recoñeceu a súa "satisfacción" por "ver que os medios están cada vez mais coordinados e preparados" e o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor Pérez, encargado de dirixir todo o dispositivo, valorou que os tempos de resposta foron "os previstos conforme á normativa vixente" e os efectivos sanitarios e de emerxencia despregáronse "con todas as garantías que se requiren".