O autor confeso do crime do conxelador declara en Pontevedra por fraude fiscal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
José Antonio Frutos Ayala, autor confeso do crime do conxelador de Ponteareas -o cadáver de José Jesús Isasis González apareceu descortizado e conxelado-, deixouse ver este venres polos xulgados da Parda. Compareceu ante a xuíz de Instrución número 1 de Pontevedra imputado por fraude fiscal.
A investigación diríxena o Xulgado de Instrución número 1 e o fiscal de Delitos Económicos de Pontevedra, Augusto Santaló, e céntrase na construtora Gómez Bodaño, da que o paraguaio Frutos Ayala foi administrador único.
O xulgado dictara unha orde de procura sobre o asasino confeso, que levaba desde xuño tamén reclamado polo Xulgado de Instrución número 2 de Ponteareas despois de que o cadáver de José Jesús Isasis González aparecese nun arcón conxelador do piso que el tiña alugado. A principios de decembro presentouse voluntariamente ante a Garda Civil e recoñeceu que era o autor do crime, de modo que desde entón atópase en prisión provisional.
Este venres abandonou por unhas horas o centro penitenciario da Lama e chegou aos xulgados da Parda nun furgón da Garda Civil. A xuíz citouno ás 12.00 horas para tomarlle declaración como imputado e desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirman que compareceu, pero nin o Xulgado nin a Fiscalía -estivo presente na declaración o fiscal Jesús Rúas- aportan datos sobre o contido desta dilixencia xudicial, que se prologou durante menos dunha hora.
O fiscal Augusto Santaló presentou a principios deste ano unha querella contra seis persoas por un presunto delito contra a Facenda Pública por defraudar 142.076,05 euros da declaración do IVE da empresa Gómez Bodaño. Unha desas persoas é Frutos Ayala, presunto testaferro, pero ata agora non puideran tomarlle declaración malia os reiterados intentos do xulgado, pois levaba xa desaparecido desde meses antes do achado do cadáver en Ponteareas. En canto tívose constancia de que fora arrestado e enviado a prisión, pediuse a súa comparecencia en Pontevedra.
O auto de apertura de dilixencias previas do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra, que se ditou por presunto delito contra a Facenda Pública e establecía o pago dunha fianza de 200.000 euros "para asegurar as eventuais responsabilidades pecuniarias derivadas desta causa, procedéndose ao embargo de bens da súa propiedade en cantidade suficiente de non facelo no prazo de cinco días".
Relacionadas:
-
O homicida do conxelador, ante o xuíz por delito fiscal
Por Redacción |
-
Unanimidade do xurado para declarar culpable de homicidio ao autor confeso do crime do conxelador
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O autor confeso do crime do conxelador: "Pido perdón a la familia, fue una noche de mucha bebida"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Confesa que matou un amigo e conxelouno descortizado, pero con matices: "Fue un empujón, él cayó y se golpeó la cabeza"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O 'crime do conxelador' chega á Audiencia: piden para o seu autor confeso 16 anos de prisión
Por Redacción |