A pista de xeo do Recinto Feiral será, de novo, o grande atractivo de Nadalocio
Por Alejandro Espiño
O Recinto Feiral de Pontevedra será de novo, e xa van trece anos, o escenario de actividades de ocio para toda a familia durante o Nadal. Todo está a punto xa para que, o próximo 19 de decembro, comece unha nova edición de Nadalocio. Segundo avanzou este venres a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, esta actividade, que forma parte do esforzo municipal por dinamizar a cidade nestas datas, celebrarase ata o 11 de xaneiro.
A pista de xeo, que terá 600 metros cadrados, será de novo a "estrela" da programación de Nadalocio. "Cremos que este ano volverá ser todo un éxito", dixo a concelleira, xa que recordou que non só acode xente de Pontevedra senón que atrae persoas de municipios próximos. Estará aberta todos os días de 16.30 a 23.30 horas e custará cinco euros por persoa.
Ademais, no interior do Recinto Feiral habilitarase tamén un parque de ocio, que estará coordinado por doce monitores. Haberá unha zona infantil que actuará como ludoteca e, tamén, os nenos dispoñerán de inchables, unha tirolina xigante, unha ponte tibetana ou diversos trampolíns. Neste caso, o acceso custará tres euros e poderase utilizar dende as 16.30 a 21.00 horas.
Xa fóra das instalacións haberá un circuíto de karts para nenos e adultos.
Anxos Riveiro sinalou que este ano se mantén a esencia de Nadalocio, que este ano estará organizado pola empresa Diverneno. Abrirá todos os días salvo o 5 de xaneiro, día da cabalgata de Reis. Ademais, os días de Noiteboa e Fin de Ano haberá un horario reducido. A entrada ao Recinto Feiral custará un euro cada día.