Bueu queda sen o seu 'Gran Hermano': expulsan a Hugo do concurso ás portas da final
Por Redacción
Rematou o que se daba. A experiencia de Hugo Pérez en Gran Hermano chegou á súa fin. Os espectadores do popular programa de Telecinco decidiron que o de Bueu, que concursaba en compañía da súa cabra Rubia e da malagueña Azahara Luque, non sexa un dos finalistas do concurso. Quedou ás portas da final, tras quedar quinto clasificado dos 17 participantes que iniciaron esta aventura.
Hugo non logrou reunir o suficiente apoio do público do programa que, cos seus votos, están a decidir dende hai unha semana quen será o gañador desta edición de Gran Hermano e, polo tanto, merecedor dos 300.000 euros de premio.
Tras 84 días de concurso, o pontevedrés despídese tras deixar unha grande imaxe entre os seguidores do programa e entre os seus propios compañeiros. Durante todo o seu encerro, segundo destacan dende a páxina oficial de Gran Hermano, non se tivo que enfrontar a ningún dos demais habitantes da casa situada na localidade madrileña de Guadalix de la Sierra. Todos gardan un recordo excelente da súa convivencia con el.
"Estoy feliz. Estoy eufórico, Mercedes. Mi familia y los que me quieren ya me ven como ganador", afirmou Hugo nada máis entrar no estudio e encontrarse con Mercedes Milá, a presentadora do programa. Con ela repasou os seus mellores momentos nun concurso que, recoñece, "se me hizo muy grande y me ahogué en muchas ocasiones", sobre todo porque "nunca estuve más de cinco días fuera de casa y eché mucho de menos mi casa y mi gente".
O galego, do que os seus compañeiros aseguran que ten un corazón de ouro, protagonizou algúns dos momentos máis emotivos desta edición, especialmente a visita que recibiu hai unhas semanas por parte da súa nai e do seu avó. Ambos os dous viaxaron ata Madrid para levantar o ánimo deste mozo de tan só 18 anos que, durante o concurso, deu mostras da 'morriña' que sentía cara ao seu Bueu natal, orixe do que presumiu en todo momento.
Segundo recoñeceu dentro da casa, dende pequeno Hugo desexaba cumprir 18 anos para participar en Gran Hermano. O seu soño cumpriuse o pasado 18 de setembro, e dende ese mesmo momento, gozou ao máximo de todo o que tras eses muros lle aconteceu. De feito, a súa nai, presente no estudio, afirmou no programa que está moi orgullosa del e que o seu fillo foi no concurso tal e como é na vida real.
Hugo asegura que o máis importante que lle proporcionou a súa experiencia en Gran Hermano é "aprender a valorar a la gente que te quiere". Recoñece que, ata agora, "no los valoraba la mitad de lo que les valoro ahora". Iso e unha posible carreira profesional no mundo da televisión. "Eres todo un showman", díxolle unha Mercedes Milá que lle deu as grazas por ser un dos concursantes máis auténticos desta edición do programa.