Sanxenxo busca propietarios de terreos
Por Redacción
Sanxenxo busca titulares de inmobles urbanos e de construción en chan rústico. Non son novos donos, senón que o Boletín Oficial da Provincia inclúe na súa edición deste martes o anuncio mediante o que se informa da publicación do listado de propietarios aos que a Xerencia Territorial do Catastro non puido entrega a notificación do novo valor catastral dentro do procedemento de valoración colectiva con carácter xeral de inmobles urbanos que está a levar a cabo a Administración do Estado.
A partir deste martes, os interesados terán un prazo de dez días para dirixirse ás oficinas do Catastro en Pontevedra situadas no número 4 da rúa Andrés Muruais, e recibir a notificación mediante comparecencia presencial. Transcorrido o devandito período, entenderase producida a notificación con todos os efectos legais e comezará a contar o prazo para interpoñer os recursos que proceda.
Nas dependencias do Concello de Sanxenxo está exposta a relación das persoas con notificacións pendentes, por non ser posible realizar a súa entrega por causas non imputables á Administración, tras intentarse por dúas veces ou por unha soa se constase como descoñecido.
Á súa vez, dende o Goberno local reiteraron que todos os veciños que precisen consultar os datos catastrais, tramitar cambios de titularidade ou presentar reclamacións poden continuar dirixíndose á Casa Consistorial onde serán atendidos por persoal municipal.
Relacionadas:
-
A Plataforma veciñal de Sanxenxo concentrarase ante as oficinas do Catastro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños espera un resposta do goberno local despois da manifestación contra o 'catastrazo'
Por Redacción |
-
O pleno aproba unha rebaixa no IBI de Sanxenxo
Por Redacción |
-
O Concello promove unha revisión catastral co obxectivo de rebaixar o IBI
Por Redacción |
-
Sanxenxo revisará os seus valores catastrais despois de 17 anos
Por Redacción |