Buscan unha rapaza de 17 anos desaparecida en Vilagarcía o mércores
Por Redacción
A Policía Nacional de Vilagarcía estableceu un operativo de busca para localizar a Andrea, unha menor de 17 anos que leva desaparecida dende este mércores na localidade arousana.
Fontes policiais confirmaron que o pai da menor presentou unha denuncia na Comisaría arredor da media noite do mércores ao xoves indicando que ese día deixara á súa filla no instituto e xa non volvera saber nada máis dela.
Ao parecer, o pai deixou a menor pola mañá no instituto Castro Alobre, onde estuda Segundo de Bacharelato. A mediodía debía ir para a casa a comer, pero non apareceu. Ao ver que non chegaba, os pais alarmáronse, buscárona e, ante a falta de noticias, horas despois presentaron a denuncia da súa desaparición.
A familia indicou que dende o centro educativo lle transmitiron que a rapaza faltaba a clase. Non obstante, puideron comprobar que este mércores si fora a clase, pero deixou o instituto ás 14.00 horas. Non chegou a subir no autobús escolar que debía levala á súa casa de Trabanca-Badiña.
A familia e amigos da menor pegaron carteis coa súa fotografía polas rúas de Vilagarcía, nos que facilitan o teléfono móbil 608 906 112 para que as persoas que teñan algunha noticia sobre a rapaza se poñan en contacto con eles.
No momento da súa desaparición, a rapaza levaba un pantalón vaqueiro de cor clara, zapatillas negras e unha cazadora verde.