Novo vehículo para a Policía Local de Poio, entregado pola Deputación
Por Redacción
O parque móbil da Policía Local de Poio conta desde este mércores cun novo vehículo. Foi entregado ao alcalde, Luciano Sobral, por parte da deputada provincial Ana Isabel Vázquez.
O novo coche, perfectamente adaptado e equipado para as funcións propias da policía local, supuxo un investimento de 22.082,81 euros.
Trátase dun vehículo diésel, de cinco portas con gancho de remolque e rotulado e equipado cos correspondentes sistemas de iluminación que son propios da Policía Local.
A deputada Ana Isabel Vázquez amosouse convencida de que a achega da Deputación facilitará á Policía local o cumprimento das súas funcións e permitirá mellorar a atención aos veciños, ao tempo que "dota o concello de recursos básicos para un mellor servizo aos habitantes de Poio", algo no que tamén incidiu o alcalde da localidade.
Neste sentido, Sobral agradeceu a colaboración da Administración provincial que considerou importante "para concellos pequenos coma o noso, nos que a autonomía ás veces é pequena" e ten poucos recursos.
Así, a intención do concello é seguir renovando o seu parque móbil e de maquinaria acolléndose para logralo aos próximos plans de investimento da Deputación.