A Policía Local de Poio multa un axente da Nacional durante unha operación contra o crime organizado
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha multa imposta por un axente da Policía Local de Poio a un compañeiro da Policía Nacional desatou a polémica entre ambas as dúas forzas. Todo iso a partir dun comunicado do Sindicato Unificado de Policía (SUP) no que denuncia a "obstrución" da Policia Local do municipio durante unha intervención policial.
O incidente produciuse o pasado día 3 de outubro na avenida Francisco Regalado de Combarro. Ata alí trasladáronse funcionarios do Corpo Nacional de Policía, adscritos á Comisaría Provincial de Pontevedra, con motivo dunha investigación contra o crime organizado.
Nun momento determinado, os axentes localizaron a un dos obxectivos a investigar, polo que, un dos funcionarios, que conducía o vehículo oficial camuflado, avisou ao resto do operativo, utilizando para iso o teléfono móbil. Mentres realizaba a devandita comunicación, foi interceptado por unha patrulla da Policía Local, que dirixíndose ao funcionario lle comunicou que estaba a cometer unha infracción de tráfico.
Segundo a versión que trasladan dende o SUP, tras identificarse plenamente coa súa placa e carné profesional, o policía nacional explicou que se atopaba de servizo nun dispositivo policial, e que o motivo de utilizar o teléfono era contactar con outro dos integrantes do devandito dispositivo, co fin de evitar a posible fuga do obxectivo. Manifestoulle ao axente local que esta circunstancia estaba amparada polo Real Decreto Lexislativo 339/1990 da Lei Sobre Tráfico, que no seu artigo 11 exime da prohibición de usar teléfonos móbiles conducindo aos axentes da autoridade "no exercicio das funcións que teñan encomendadas".
A pesar das explicacións dadas, o policía local, "en actitude chula e fachendosa" segundo este sindicato, requiriu ao Policía Nacional o seu DNI e a documentación do vehículo, ao que se lle respondeu que a placa carné era suficiente para a plena identificación dun funcionario policial no desenvolvemento da súa actividade profesional. O Policía Local reiterou a necesidade de que se lle mostrase o carné para efectuar a correspondente sanción, "elevando o ton de forma ameazante", chegando a impedir que o funcionario descendese do vehículo camuflado.
"Eso a mi me da igual, yo notifico la multa y si queréis la recurrís", dixo o policía local, segundo o SUP, ao informarlle do operativo
Como queira que a actitude do Policía Local poñía en serio risco a vixilancia que se estaba a efectuar, o denunciado finalmente accedeu a entregarlle o seu DNI, procedendo a cubrir o boletín de denuncia.
No momento de notificar a multa estaba presente o responsable do dispositivo, que se identificou aos policías locais como tal e lles explicou as circunstancias do sucedido, e que a lexislación prevé e ampara o uso de teléfono móbil nestas circunstancias. Segundo o SUP o policía local replicou, "de moi malos modos" diciendo que "eso a mi me da igual, yo notifico la multa y si queréis la recurrís".
Para o Sindicato Unificado de Policía resulta evidente que a conduta do axente da policía local de Poio se debeu "non só a un exceso de celo, senón a un claro incumprimento da colaboración á que está obrigado en función da súa condición de membro dun Corpo de Seguridade e de Policía Xudicial".
"Non nos estrañaría que se tratase do mesmo axente que, non hai moitos meses, sancionou varios condutores por xirar a cabeza, con gran repercusión mediática, obrigando a intervir á propia Alcaldía", engade no seu comunicado o SUP.
Independentemente da presentación do correspondente recurso por parte do interesado, dende o Sindicato Unificado de Policía solicitaron a intervención das autoridades competentes, para que se adopten cantas medidas sexan necesarias, incluídas as disciplinarias, para que feitos como estes non volvan repetirse.
VERSIÿN DO POLICIA LOCAL QUE PUXO A MULTA
Esta versión do incidente, trasladada polo Sindicato Unificado de Policía, difire notablemente da do policía local de Poio que impuxo a sanción. O axente asegurou a PontevedraViva que, cando se dirixiu ao condutor que ía falando polo móbil para requirirlle a documentación, "sen mediar palabra" este exhibiu a placa identificadora do Corpo Nacional de Policía, argumentando que "era o único que tiña que mostrar".
O axente asegura que o denunciado dixo estar a traballar pero "sen acreditalo de ningunha forma e nunca dicindo que se encontraba nun operativo en concreto"
Tras reiteralo que estaba obrigado a presentar o seu permiso de conducir, o axente da Policía Nacional finalmente identificouse mediante DNI e cando se elaborou o pertinente boletín de denuncia, no que o municipal refería a sanción cometida e a multa que debería aboar, "non fixo mención en ningún momento de que estaba a prestar servizo como axente da autoridade e non mostrou présa ningunha por abandonar o lugar".
Afirma que só cando se lle fixo entrega da multa, o denunciado asegurou estar a traballar pero "sen acreditalo de ningunha forma e nunca dicindo que se encontraba nun operativo en concreto", ante o que se lle informou dos dereitos legais que ten por ser denunciado e notificado no momento, "como a calquera persoa que o fose no seu lugar", debendo acollerse aos prazos e recursos que a lei establece.
Este axente insiste en que "en todo momento o trato que se lle dá é profesional e educado como corresponde" e sen facer ningún tipo de distinción con outro cidadán polo mero feito de tratarse dun policía nacional. Asegura que ese mesmo día "houbo varias chamadas á Policial Local de Poio por parte da Policía Nacional para buscar un trato de favor e que se retirase a denuncia por outros medios", ao que o denunciante se negou en rotundo.
Relacionadas:
-
Novo vehículo para a Policía Local de Poio, entregado pola Deputación
Por Redacción |
-
Recorrerán os policías locais de Poio a decisión do Concello de anular as multas por xirar o pescozo?
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Poio anulará as multas impostas a condutores por xirar a cabeza máis de 45 graos
Por Redacción |