Suspenden un xuízo porque un dos acusados non foi trasladado dende a prisión ata a Audiencia
Por Redacción
A non comparecencia dun dos acusados motivou que a Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra suspendese este martes o xuízo previsto contra tres veciños da Coruña e un veciño de Vilagarcía acusados dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.
Por motivos que se descoñecen un dos procesados, que actualmente se encontra ingresado en prisión, non foi trasladado dende o centro penitenciario para comparecer ante o tribunal.
Un segundo acusado tamén está en prisión e si foi trasladao ata o edificio da Audiencia e tamén compareceron o resto dos procesados e avogados, pero todos eles foron citados de novo para o próximo 5 de febreiro de 2015.
No banco dos acusados debían sentarse os coruñeses, Alejandro P.S., Antonio B.R. e o vilagarciano, Rubén F.V., para os que o fiscal pide unha pena de prisión de cinco anos de prisión e multa de 200.000 euros. Tamén está acusado Xoán F.A. para o que solicita a mesma pena de prisión pero cunha multa de 24.000 euros.
Ademais hai outras dúas persoas axuizadas como responsables civís, son parellas dos dous principais acusados e propietarias dos vehículos empregados para cometer supostamente o feito delituoso.
No escrito de acusación da Fiscalía recóllese que Alejandro e Antonio se desprazaron dende A Coruña a Vilagarcía para adquirir a Rubén unha partida de cocaína. Durante a viaxe de regreso foron interceptados na autoestrada AP-9 encontrándose no seu vehículo máis de 682 gramos de cocaína.
Durante outro rexistro practicado na vivenda de Xoán en Palavea (A Coruña) incautáronse 164 gramos de cocaína, así como substancia de corte. A Fiscalía considera que este acusado tamén participaba no negocio de venda de droga xunto aos outros implicados.