Dous detidos en Vilagarcía nunha operación contra o narcotráfico entre Galicia e Asturias
Por Redacción
Axentes da Unidade de Drogas e Crime Organizado (UDYCO) da Xefatura Superior de Policía de Galicia detiveron dúas persoas en Vilagarcía como presuntos integrantes dunha rede de narcotraficantes supuetamente dedicada a distribuír estupefacientes no Principado de Asturias.
Fontes policiais consultadas confirman que estes dous arrestos son os únicos realizados en Galicia dentro dun operativo máis amplo no que foron arrestadas 20 persoas, das que 18 caeron en Asturias. Durante a operación, os axentes de distintas unidades da Policía Nacional incautáronse de 3.217 gramos de heroína e 1.278 gramos de cocaína.
A investigación iniciouse tras un asasinato cometido en Colombia. A vítima, un mozo español, podería ter estado relacionada co transporte da droga pertencente a unha organización de narcotraficantes asentada en Asturias e Galicia. O crime podería estar motivado por unha débeda entre organizacións criminais, que afectaría a varias persoas asentadas en España, segundo informou a Policía Nacional a través dun comunicado.
Os axentes identificaron a varios integrantes do grupo organizado e descubriron o seu modus operandi. Os investigados repartíanse entre Galicia e Asturias, comunidade na que a droga era distribuída ao consumidor final. Os axentes tamén descubriron que para transportar a cocaína e a heroína utilizaban coches manipulados aos que lles realizaran "caletas" destinadas a ocultar a droga e evitar ser detectado.
Ademais das 20 detencións realizáronse 13 rexistros domiciliarios nos que se incautaron de catro armas curtas -unha pistola de calibre 45, dous revólveres de calibres 32 " e 38" e unha pistola de 9 m/m parabéllum-, 53.065 euros en efectivo e dous vehículos de gama alta preparados para transportar droga. Igualmente interviñéronse varias balanzas dixitais, ordenadores portátiles, teléfonos móbiles, máquinas de contar billetes, substancias para adulterar a droga como acetona, ácido bórico, éter e libretas con anotacións das transaccións efectuadas.