Augas de Galicia realiza unha limpeza na ponte de Campelo
Por Redacción
Operarios de Augas de Galicia limparon estes días os vans da ponte de Campelo (Pigarzos) para evitar posibles danos ao viaduto coas chuvias que se esperan nos próximos meses.
Esta actuación prodúcese tras unha petición do Concello da Lama e pretende facilitar o paso das augas do río Xesta evitando así desbordamentos, co conseguinte dano nos terreos lindantes.
Durante os traballos os operarios retiraron da canle do río madeiros e ramas de árbores arratrados pola corrente nas enchentes derivadas das primeiras chuvias do outono, utilizando para iso un tractor e unha motoserra.
Esta actuación enmárcase dentro do programa de conservación e mantemento do dominio hidráulico que coordina o organismo autónomo.